Análise

A reforma laboral non fixo diminuír a precariedade laboral

A economista Natividad López Gromaz analiza para 'Nós Diario' os resultados da última reforma laboral.

A taxa de temporalidade no Estado non se xustifica nin pola estacionalidade do turismo nin polas necesidades do sector privado (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A taxa de temporalidade no Estado non se xustifica nin pola estacionalidade do turismo nin polas necesidades do sector privado. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Reducir a alta taxa de temporalidade no emprego -entendida esta como a proporción de persoas asalariadas con contratos temporais sobre o total das persoas asalariadas- foi a razón fundamental que xustificou a última reforma laboral aprobada no ano 2021.

A taxa de temporalidade é moi elevada no Estado español e en Galiza. No ano 2020 -a pesar de que neste ano se reduciu en máis de punto e medio, debido á non renovación de contratos temporais ante a situación xerada polas restricións impostas para frear a pandemia- situouse no 24,3% no Estado español, e no 24% en Galiza. A taxa de temporalidade é, salientablemente, a maior de toda a Unión Europea. Está próxima a duplicar a do resto de Estados membros, e moi por enriba de Polonia, a seguinte peor, que se sitúa no 18%.

O problema de temporalidade vén de vello no mundo do traballo no Estado español. Antes da crise do ano 2008, no período de expansión económica, chegou a acadar niveis estratosféricos, cunha taxa arredor do 35%, propiciado, en boa medida, polo efecto da reforma laboral do ano 1984 que quebrou o principio de causalidade na contratación e abriu a porta ao uso indiscriminado dos contratos temporais. Tan só a crise posterior moderou esta taxa, pero a costa dunha alta destrución de emprego. É dicir, pola enorme cantidade de despedimentos de persoas traballadoras con contrato temporal que perderon o seu posto de traballo a raíz da crise financeira, que se tornou en económica, no ano 2008.

Dá o mesmo que o contrato sexa fixo-descontinuo ou temporal. Se non aumentan as horas traballadas polas persoas ocupadas dificilmente van medrar en termos reais os seus ingresos

En Galiza, o valor máis baixo acadouse no ano 2013, coincidindo co menor número de poboación asalariada e, aínda así, foi do 22,8%. Logo, a medida que se ía recuperando o emprego, tamén a taxa de temporalidade se ía incrementando. No ano 2019, antes da pandemia, situouse no 26,5%.

A novidade neste últimos anos foi o incremento da mesma no sector público que desde unha taxa do 17,8% en Galiza no ano 2013, subiu ata por encima do 29% de media en 2021. Nove puntos por riba do sector privado para as mesmas datas.

Nun estudo elaborado por Economistas Frente a la Crisis, onde compararon a taxa de temporalidade do Estado español co resto de países membros da UE desagregando por distintas variables, conclúen que a taxa de temporalidade no Estado español non se xustifica nin pola estacionalidade do turismo e do sector agrario (noutros países como Francia tamén teñen), nin pola falta de experiencia da xuventude (comparativamente é máis alta entre os 45 e os 55 anos), nin pola falta de formación das persoas traballadoras, nin polas necesidades do sector privado (é máis alta no público), nin para aproveitar a flexibilidade do emprego (baixa nas etapas de crise)... En resumo, é inxustificablemente alta. O uso indiscriminado dos contratos temporais, converteuse simplemente, desde hai moitos anos, nun sistema de organizar o traballo. Toda unha cultura empresarial.
Ante esta situación, inxustificable ante a Unión Europea, óptase, na reforma laboral de 2021, por cambiar de nome os contratos, pero como os números ditan, que deixen de chamarse temporais, non significan que deixen de ser temporais; e, sobre todo, que para nada reducen a precariedade do emprego.

Logo de seis meses da entrada en vigor dos cambios na contratación, a taxa de temporalidade baixou ata o 18,2% no terceiro trimestre de 2021; pero determinados indicadores amosan que isto non mudou a realidade do mercado de traballo. Simplemente cambiou de nome.

Se antes tiñamos un contrato de obra e agora temos un fixo descontinuo, simplemente mudou o nome do contrato, pero non a nosa situación laboral. Hai unha serie de datos que fan sospeitar que esta é a realidade:

—Non aumentaron os horas traballadas, máis ben o contrario: no primeiro trimestre de 2022, a media de horas traballadas das persoas ocupadas en Galiza foi de 32,8. No terceiro trimestre foron 30,6 horas.
—Só aumentou a poboación ocupada entre as persoas que traballan máis de 50 horas a semana. Entre o resto, descendeu.
—Duplicouse o número de contratos indefinidos dados de baixa por non superar o período de proba.
—Número de contratos rexistrados mes a mes, non descendeu como sería de agardar. En setembro de 2022 rexistráronse 81.005 en Galiza; no mesmo mes do ano 2021 foran 96.600.

Aínda é cedo para avaliar a incidencia dos cambios na contratación sobre os ingresos da clase traballadora. Temos que agardar a que remate o ano para dispor destes datos. Pero se non aumentan as horas traballadas polas persoas ocupadas, senón ao contrario, dificilmente van medrar en termos reais os ingresos das mesmas, xa que dá o mesmo que o contrato sexa fixo-descontinuo ou temporal se o número de horas que traballas non vai mudar. Co agravante de que, en moitos casos, non sabes nin cando vas a traballar esas horas.

Comentarios