A mocidade galega sofre máis precariedade que a do Norte de Portugal

José Antonio Gómez, de UXT, lamentou a "falta de política industrial" na Galiza, coa excepción do aguante da industria agroalimentaria, e sinalou que "Portugal fai mellor os deberes".
Representantes de UXT e o luso CGTP, esta terza feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Representantes de CCOO, UXT e o luso CGTP, esta terza feira. (Foto: Europa Press)

Os mozos e mozas galegas teñen unha situación laboral máis precaria que a dos seus veciños do Norte de Portugal, segundo evidencia o informe sobre a Estratexia de Emprego a Mocidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, elaborado por UXT-Galiza e presentado esta terza feira en Vigo. Segundo explicou a súa autora, Olga Crespo, tanto os datos de PIB como o investimento en I+D, a ocupación industrial ou de desemprego xuvenil evidencian a posición do Norte do país lindeiro por riba da Galiza. Na franxa de idade de 16 a 29 anos, en 2021 a taxa de desemprego é de 24,7% para a mocidade galega, mentres para a lusa é de case a metade, 13,2%.

A temporalidade no emprego xuvenil tamén é moi superior na Galiza, de 60 %, fronte ao 39 % do Norte de Portugal. No parámetro en que están ambas as rexións máis equilibradas é no de mozos que nin estudan nin traballan: 6,6 % de galegos e 7 % de portugueses. O estudo tamén desvela que as principais ocupacións laborais dos mozos no Norte de Portugal son os sectores do comercio, industrial téxtil e saúde, mentres que no caso dos galegos salientan comercio, hostalaría e educación.

Diante deste escenario, o informe propón varias medidas para lograr unha mellora nas condicións laborais da mocidade, reter talento e promover a súa inserción en sectores con demanda de traballadores.Entre as medidas propostas está a creación dunha oficina transfronteiriza de información sobre mobilidade de traballadores, un portal de información sobre a FP Dual, unha oficina de acompañamento aos emprendedores, axudas directas a empresas e traballadores mozos, suba de salarios, mellora de xornadas ou un maior investimento en I+D+i.

Os sindicatos apostan por aproveitar a oportunidade dos fondos europeos Next Generation para atraer e formar mozos en sectores vinculados coa transición enerxética, e reclaman unha maior aposta pola investigación en ámbitos como a biotecnoloxía, a industria 4.0 e a economía circular.

O secretario xeral de UXT na Galiza, José Antonio Gómez, destacou, ao fío deste informe, que os datos confirman a caída do peso industrial do país, algo que "deben analizar" os poderes públicos e os sindicatos levan tempo advertindo. Ao respecto, lamentou a "falta de política industrial" na Galiza, coa excepción do aguante da industria agroalimentaria, e sinalou que "Portugal fai mellor os deberes".

Mentres, a responsábel de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, puxo o foco nos "devastadores" datos da emigración de mozos galegos, que é "brutal" nos últimos. Na súa opinión, as políticas da Xunta "non se poden reducir ao Xacobeo" porque "o que tira é a industria" e cada vez ten menos peso no PIB. "Seguimos no vagón de cola [...], estamos fartos de anuncios, faltan políticas industriais", censurou.

E o responsábel do sindicato luso CGTP-IN, César Campos, explicou que a Eurorrexión ten unha poboación nova "moi preparada" pero moitos deses mozos "foxen" das condicións de traballo que se lles ofrecen neste territorio. Así, dáse a circunstancia que Galiza e Portugal invisten na súa formación, e son outros países, que "os tratan mellor", quen se beneficia do seu talento. No caso de Portugal, dáse ademais a circunstancia de que os salarios "son moi baixos" e, aínda que ascendesen non chegarían a competir cos que se ofrecen noutros países.

Comentarios