As rebaixas fiscais da Xunta da Galiza só repercuten nas rendas máis altas

As rendas baixas pagan máis na Galiza polo IRPF que a media do Estado.
A presión fiscal é máis alta para as rendas baixas (Foto: Europa Press).
photo_camera A presión fiscal é máis alta para as rendas baixas (Foto: Europa Press).

 O Goberno galego presume da baixa presión fiscal no país. O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) é un bo exemplo da política da Xunta nesta materia.

O Executivo do presidente Alfonso Rueda gábase das diferentes rebaixas aplicadas ao tramo autonómico do IRPF na última década. Porén, as mesmas non chegan por igual aos diferentes niveis de renda.

Segundo os datos analizados no novo estudo do economista e colaborador de Nós Diario Joam Romero, os tramos de ingresos entre 20.000 e 26.999 euros tributaron na Galiza cun tipo de 14%, reducíndose en 2022 a 11,65%, o que significou unha baixada de 2,35% no IRPF. Porén, nese mesmo período, a rebaixa para as rendas de 60.000 a 99.000 euros foi de 3,10%, dándose un incremento de 0,90% no tramo de renda de 27.700 a 35.199 euros.

O informe sobre o panorama da fiscalidade autonómica e foral 2022, elaborado polo servizo de estudos do Consello Xeral de Economistas, conclúe que a presión fiscal na Galiza é reducida para as rendas altas e elevada para as baixas e medias.

Así, tomando como contribuínte tipo para todo o Estado unha persoa solteira e sen fillos, con idade inferior a 65 anos e sen discapacidade nin ningunha outra circunstancia persoal que poida darlle dereito a dedución, sinala que un cidadán galego cunha renda de 20.000 euros debe achegar ao Fisco en concepto de IRPF 2.470 euros, unha contía superior á media estatal e por riba do achegado polos residentes en Euskadi, Madrid, Canarias e A Rioxa.

A contribución media por IRPF dunha cidadá ou cidadán do Estado cunha renda de 45.000 euros é de 9.500 euros. Porén, na Galiza sitúase en 9.680 euros.

Neste suposto, analizado polo servizo de estudos do Consello Xeral de Economistas, a presión fiscal dun cidadán galego é superior á dun vasco, dun madrileño, dun castelán-leonés, dun rioxano, dun murciano, dun canario, dun castelán-manchego, dun cántabro, dun andaluz e dun valenciano. Así, só pagan máis que a poboación residente na Galiza aquelas persoas empadroadas en Catalunya, Illes Balears, Aragón, Estremadura e Nafarroa.

A situación é diferente cando se analizan os tributos a pagar por IRPF polas persoas cuns ingresos de 600.000 euros. Neste caso, a achega media ás facendas dun residente no Estado español é de 270.000 euros, mais na Galiza redúcese a 258.000 euros. Só fan unha contribución inferior aos galegos os madrileños, os castelán-manchegos e os castelán-leoneses.

Comentarios