Gómez Besteiro toma posesión como delegado do Goberno español na Galiza

Despois de levantarse as investigacións que pesaban contra el, Besteiro regresa nun contexto no cal os socialistas galegos, que celebran a súa rehabilitación política, aínda non despexaron a incógnita sobre quen será o seu candidato á Presidencia da Xunta.
José Ramón Besteiro asume o cargo como delegado do Goberno español na Galiza (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera José Ramón Besteiro asume o cargo como delegado do Goberno español na Galiza. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O novo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, tomará posesión de forma oficial do seu cargo esta segunda feira, nun acto que estará presidido polo titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, e que contará coa presenza do ministro de Sanidade e anterior titular da Delegación, José Miñóns.

A Delegación do Goberno na Galiza explicou que Besteiro xa se atopa exercendo a responsabilidade desde a cuarta feira, despois de oficializarse o seu nomeamento coa publicación do Real Decreto no Boletín Oficial do Estado (BOE), conforme ao aprobado no último Consello de Ministras e Ministros.

O acto oficial de toma de posesión tivo lugar este ás 13.30 horas no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco). Co seu nomeamento como delegado do Goberno español na Galiza a proposta do presidente Pedro Sánchez, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) volve á primeira liña política após permanecer sete anos apartado do foco mediático. O político lucense decidiu dar un paso á beira e dimitir como líder do PSdeG após ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos, todos eles arquivados.

Despois de levantarse as investigacións que pesaban contra el, Besteiro regresa nun contexto no cal os socialistas galegos, que celebran a súa rehabilitación política, aínda non despexaron a incógnita sobre quen será o seu candidato á Presidencia da Xunta.

Neste sentido e aínda que tamén se pode interpretar que o nomeamento de Miñóns como ministro de Sanidade achégao a esta posíbel carreira, o propio xefe de filas da formación, Valentín González Formoso, chegou a dicir que estaría disposto a dar un paso á beira e a apoiar Besteiro como candidato á Xunta se este decidise postularse a selo.

O actual líder do PSdeG, que confirmou que optará á reelección como candidato á Alcaldía das Pontes, dixo que daría paso a Besteiro como candidato chegado o caso e se se dese a conxuntura, "por xustiza" e "por lealdade persoal" co que considera un dos seus "mellores amigos".

Traxectoria política

Licenciado en Dereito e militante socialista desde que acabou a carreira, Besteiro entrou en política da man do ex alcalde de Lugo Xosé López Orozco, quen o introduciu na corporación en 1999. Edil de Urbanismo e portavoz do Goberno local, ascendeu en 2007 á Presidencia da Deputación de Lugo, case en paralelo á súa promoción dentro do partido: após dirixir o partido a nivel local acabou sendo elixido secretario provincial.

En 2013 fíxose coas rendas do partido na Galiza após gañar as primarias ao entón alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, con 77% dos votos. Deste modo, en setembro de 2013 sucedeu a Pachi Vázquez, quen despois foi un dos seus principais rivais internos.

Após dous anos e medio á fronte do partido na Galiza, en marzo de 2016 deixou a formación polas investigacións xudiciais levantadas contra el pola xuíza Pilar de Lara e que, anos despois, foron arquivadas. Despois da súa marcha, pasou a dirixir o partido unha xestora capitaneada pola até entón o seu número dous, Pilar Cancela.

Desde que se coñeceu o seu nomeamento como novo delegado do Goberno estatal na Galiza, cargos do PSdeG como os alcaldes da Coruña, Lugo e Santiago, ademais do propio secretario xeral do PSdeG mostraron publicamente a súa satisfacción polo regreso de Besteiro á primeira liña política.

Comentarios