O PP admite estar detrás das denuncias sobresidas a Gómez Besteiro de 2013

Os populares pronunciáronse tras difundir o PSdeG varios documentos que proban non só que Candia entregou documentación recibida de forma anónima, senón que fixo unha declaración testifical ante o fiscal.
Elena Candia e Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Elena Candia e Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O PP de Lugo emitiu un comunicado esta sexta feira no cal admite que a candidata á Alcaldía da cidade da muralla para as eleccións do próximo 28 de maio, Elena Candia, entregou en 2013 documentación recibida "de forma anónima" que "podería ser constitutiva de delito". Pero alega que foron "un fiscal e un xuíz" quen decidiron emprender unha investigación contra o socialista José Ramón Gómez Besteiro.

Os populares pronunciáronse tras difundir o PSdeG varios documentos que proban non só que Candia entregou documentación recibida de forma anónima, senón que fixo unha declaración testifical ante o fiscal.

O presidente galego e líder do PP no país, Alfonso Rueda, pedira aos socialistas "non facer política" cun asunto que "saben dabondo que non é certo", algo que, co recoñecemento do PP de Lugo, demostra ser unha mentira do presidente do Executivo galego.

"Candia cumpriu coa súa obriga"

Os populares defenden que Candia, no ano 2013, "cumpriu coa obriga implícita a calquera cargo público, tal e como se recolle no artigo 262 da lei de axuizamento criminal, de pór en coñecemento das autoridades" que "chegou de forma anónima ao grupo popular unha documentación que podería ser constitutiva de delito".

"Resulta sorprendente que haxa alguén desde o PSdeG que suxira que se oculta unha información que a lei obriga a facilitar. As informacións que achegan hoxe desde o PSdeG non son ningunha novidade e deron lugar a uns feitos que xa se relataron en numerosas ocasións e que serían motivo da mesma actuación en caso de repetirse", indica o PP.

Os populares recalcan, así mesmo, que "nin Elena Candia nin o PP denunciaron nin compareceron en ningunha das múltiples causas que deron lugar a varias imputacións do señor Besteiro". "Quen inicia unha investigación a Besteiro foron un fiscal e un xuíz, nunca Elena Candia", apostilan.

"Por moito que o PSdeG tente confundir e desacreditar a candidata do PP á Alcaldía de Lugo o que non poderán borrar os socialistas é o feito de que o novo delegado do Goberno pasará á historia de Lugo por ser o concelleiro de urbanismo do Garañón. Polas graves consecuencias desta mala xestión pagaremos todos os lucenses unha indemnización millonaria, ademais dos custos da súa derriba", inciden os populares.

Comentarios