A Deputación de Lugo recorrerá ante o TSX de Madrid a decisión do Goberno de admitir a denominación 'ría do Eo'

"'Ría do Eo' carece de fundamentación técnica, xurídica e tamén histórica", defende a institución.
Panorámica da ría de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Panorámica da ría de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)

A Deputación de Lugo interporá un recurso contencioso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid contra a decisión do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de aceptar a cooficialidade dos topónimos 'ría do Eo' e 'ría de Ribadeo'.

Na rolda de prensa posterior á xunta de goberno provincial, a portavoz socialista, Pilar García Porto, explicou que esta decisión chega após desestimarse os recursos que conxuntamente se presentaron con outras administracións para defender a denominación 'ría de Ribadeo'.

"Adoptamos esta decisión porque se outorga a toponimia de 'ría do Eo' como cooficial. Un feito que, como defenden os técnicos, vulnera a normativa que regula a determinación dos topónimos oficiais", aseverou.

García Porto recalcou que a Deputación de Lugo "vai seguir defendendo, neste proceso e sempre, a denominación oficial de 'ría de Ribadeo', fronte á pretensión da cooficialidade con 'ría do Eo', que carece de fundamentación técnica, xurídica e tamén histórica".

Outros asuntos

Na mesma xunta de goberno, deuse luz verde a un conxunto de investimentos que superan os 600.000 euros "para mellorar o día a día dos veciños da provincia, a través da colaboración cos concellos". Estas contías irán para os municipios de Pedrafita e Meira.

Aliás, García Porto demandou ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que pida "desculpas públicas" por un comentario que cualifica de machista. Estas "desculpas públicas" reclámaas tras unha errada reunión do consorcio de bombeiros, onde, denuncia, Arias trasladoulle a unha traballadora provincial: "Dille a Pilar que veña, que mova o cu".

Comentarios