O PSdeG demostra que Elena Candia está detrás dos anónimos contra Besteiro

O secretario de Organización do PSdeG insta a Alfonso Rueda a apartar a Candia como candidata á Alcaldía de Lugo.

A candidata á Alcaldía de Lugo polo PP, Elena Candia, e a secretaria xeral do PP, Paula Prado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A candidata á Alcaldía de Lugo polo PP, Elena Candia, e a secretaria xeral do PP, Paula Prado. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG difundiu esta sexta feira documentos nos que figura o nome da actual candidata do PP á Alcaldía de Lugo, Elena Candia, como persoa que entrega á Fiscalía os anónimos que orixinaron a investigación xudicial contra o que fose secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro.

En concreto, o PSdeG provincial de Lugo difundiu un escrito entregado na Fiscalía Provincial de Lugo o 5 de marzo de 2013 no que o Grupo Provincial do PP, do que era entón portavoz Candia, fai entrega de dous documentos nos que sinala que "se describen accións de gran relevancia" e "posíbel incumprimento da legalidade".

Ademais, os socialistas lucenses informan doutro documento, neste caso do 14 de marzo, no que Elena Candia fai unha declaración testifical ante o fiscal e di que "o escrito que presentou en Fiscalía chegou ás súas oficinas da Deputación de maneira anónima" xa que "o atoparon dentro dun sobre en branco sen ningunha anotación".

Nestes documentos, segundo indicaron fontes socialistas, fan referencia ás denuncias contra o que era xefe de protocolo da Deputación de Lugo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, por un suposto delito de acoso laboral a unha funcionaria. Esta peza deu orixe á Operación Polbo, iniciada por Pilar de Lara, sobre irregularidades na institución provincial, a última causa na que o que fora líder do PSdeG e presidente desta institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, figurou como investigado. A peza foi arquivada.

O PSdeG de Lugo cualifica a actuación da candidata do PP á Alcaldía de Lugo como unha "artimaña mesquiña" coa "única vontade de sacar rédito electoral e destruír" ao por entón secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta.

Laxe pide a dimisión de Candia

Ademais, despois de que na quinta feira o presidente da Xunta da Galiza e líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, pedise ao PSdeG que "tente non facer política" e asegurase que os socialistas sabían "dabondo" que "non é certo" o asunto dos anónimos, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, sostivo que "queda demostrado que o PP utilizou anónimos para sacar a Besteiro da política".

"Rueda ou mentiu onte cando aseguraba que era falso o que eu dicía ou ignoraba as prácticas miserábeis de Elena Candia como portavoz do PP provincial de Lugo", asegurou Laxe, que instou a Rueda a cesar a Candia como candidata á Alcaldía de Lugo.

"Candia está inhabilitada para representar aos veciños e ás veciñas de Lugo, a utilización de anónimos para sacar a Besteiro da política é o máis rastreiro que vimos nos últimos tempos", subliñou.

Por iso, considerou que "ou Rueda toma decisións con Candia e césaa" ou "estará a darlle cobertura a prácticas miserábeis coa utilización de armas prohibidas en política e na vida mesma".

Comentarios