Formoso, a prol de que Besteiro encabece a candidatura do PSdeG á Xunta se dá o paso

O secretario xeral socialista asegura que "na vida" competiría cun amigo como Besteiro. Chegado o caso daría un paso ao costado "por xustiza e por lealdade persoal".
Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Fotos: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, está disposto a dar un paso ao costado e apoiar o ex líder da formación na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, como candidato á Xunta se este opta a selo. Farao, dixo, chegado o caso e se se dá a conxuntura, "por xustiza" e "por lealdade persoal" co que considera un dos seus "mellores amigos".

Após varios días de pronunciamientos a favor do valor de Besteiro como activo socialista por parte de distintos dirixentes socialistas —o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, comparouno con Lionel Messi— e unha vez arquivada provisionalmente a última causa xudicial que tiña pendente, Formoso reivindicou tamén a súa figura nun almorzo informativo convocado polos socialistas na Cámara galega.

Tanto é así que, malia que defendeu que a día de hoxe mantén a súa intención de ser o candidato do PSdeG, como avanzara, "na vida" competiría con Besteiro se este decidise presentarse ás primarias.

"Lealdade, lealdade e lealdade", proclamou o actual líder socialista, antes de incidir en que Besteiro, alén dun grande amigo seu, é "un activo político enorme" para o PSOE. "E en calquera lugar", apostilou.

Sexa como for, González Formoso, quen evitou ratificar se será o candidato á Alcaldía das Pontes nas municipais do ano próximo e recalcou que o PSdeG está "por riba de persoas", xa se trate del mesmo, de Besteiro ou, exemplificou, do ex presidente Emilio Pérez Touriño.

Apoio explícito

Esta segunda feira Javier Cerqueiro, deputado socialista no Congreso por Lugo, reiterou que o antigo dirixente do partido e da Deputación ten "todo o futuro do mundo" por diante após o arquivamento da última causa xudicial que quedaba pendente.

Cerqueiro, que foi xefe de gabinete de Besteiro cando presidía a Deputación de Lugo, subliñou que "aínda é novo". Tanto é así que deslizou que "ten a idade de Orozco —ex alcalde lugués— cando comezou na Alcaldía". "Ten futuro, pero depende del, do que queira el", matizou.

Comentarios