O PSdeG celebra a "rehabilitación política" de Gómez Besteiro

Javier Losada incorpórase ao Consello de Estado.
José Ramón Gómez Besteiro, nunha rolda de prensa cando aínda era secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, nunha rolda de prensa cando aínda era secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, celebrou esta terza feira a designación de José Ramón Gómez Besteiro como novo delegado do Goberno español na Galiza, en substitución de José Miñóns.

O líder da formación socialista afirmou que "hoxe é un día moi especial no político e no persoal coa rehabilitación política dun compañeiro" como o ex secretario xeral do PSdeG, afastado da política por mor das súas imputacións xudiciais, finalmente arquivadas.

Unha etapa "moi dinámica"

A súa designación, dixo Formoso, anticipa unha "etapa moi dinámica na defensa dos intereses da Galiza e de conexión cos intereses do Goberno de España e da Delegación do Goberno". O Consello de Ministros nomeou onte oficialmente Gómez Besteiro como novo delegado do Executivo estatal na Galiza.

Aos parabéns do secretario xeral súmanse os que se produciron ao longo destas horas entre cargos da formación socialista após se coñecer a designación de Besteiro para este posto. Nomes como o de José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, que dixo que a volta do ex secretario xeral era "unha satisfacción moi grande". Ou Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, que manifestou que "recuperamos un activo moi importante".

O ex alcalde coruñés Losada é novo conselleiro do Estado

O Consello de Ministros tamén nomeou onte as novas e novos conselleiros do Estado, entre eles Javier Losada, quen fora alcalde da Coruña entre 2006 e 2011 e delegado do Goberno español na Galiza de 2018 a 2021.

Comentarios