Besteiro xa é delegado do Goberno... e futuro candidato á Xunta?

O ex secretario xeral do PSdeG e o novo ministro de Sanidade, José Miñóns, irrompen con forza nas quinielas socialistas de cara ás vindeiras eleccións galegas.
A marcha de José Miñóns a Madrid abriulle as portas da Delegación a Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera A marcha de José Miñóns a Madrid abriulle as portas da Delegación a Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado publica esta cuarta feira, día 29 de marzo, o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro á fronte da Delegación do Goberno estatal na Galiza a proposta do presidente, Pedro Sánchez. Este movemento chega após a marcha a Madrid do anterior responsábel deste departamento, José Miñóns, que á súa vez substitúe Carolina Darias á fronte do Ministerio de Sanidade.

O que fora secretario xeral do PSdeG-PSOE entre 2013 e 2016 foi designado esta terza feira como novo delegado no Consello de Ministros e o seu nomeamento torna oficial agora no BOE. Nado en Lugo en 1967, Besteiro volve á primeira liña política tras permanecer sete anos apartado do foco mediático.

Decidiu dar un paso á beira e dimitir como líder do PSdeG tras ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos, todos eles arquivados, o último en decembro do pasado ano, ao entender o Xulgado de Instrución número 2 de Lugo que na causa aberta "non aparece debidamente xustificada a perpetración" de delito ningún por parte de Besteiro.

Tras levantarse todas as investigacións que pesaban contra el, regresa á política nun contexto no que o Partido Socialista da Galiza aínda non despexou a incógnita sobre quen será o seu candidato á Presidencia da Xunta, se ben desde dentro da formación hai quen ve tanto Besteiro como Miñóns como posíbeis cabezas de lista en 2024.

Se ben o salto á política estatal de Miñóns sitúao nas quinielas socialistas como paso previo para gañar proxección, o propio secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chegou a dicir tras o arquivamento das causas pendentes de Besteiro que estaría disposto a ficar á marxe e apoiar Besteiro como candidato á Xunta se este decidise postularse a selo.

Formoso non foi o único que puxo no foco a quen tamén fora presidente da Deputación de Lugo. Previamente, outros dirixentes como o secretario de organización do partido, José Manuel Lage; o seu sucesor na institución provincial, José Tomé; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou o ex rexedor da cidade amurallada, Xosé López Orozco, apoiaron a súa —daquela— hipotética volta á primeira liña.

"Cando tes a Messi no equipo telo que pór a xogar", dixo Lage, referíndose ao agora novo delegado do Goberno, unha figura política de relevancia para o socialismo galego que, asegurou, "estará onde queira estar". "Pasou unha auténtico via crucis e hai que deixalo decidir a el, o que queira e como queira. É un activo político que pode modificar moitas cousas na Galiza", engadiu o deputado no Congreso e ex xefe do gabinete de Besteiro na Deputación, Javier Cerqueiro.

Comentarios