Apróbase no Congreso a lei de pesca sostíbel

O texto da lei saíu adiante cos votos a favor do PSOE, Unidas Podemos, ERC, Ciudadanos, PNV, EH Bildu, a abstención do PP, Vox, BNG, Junts e PDeCAT e o voto en contra do PRC e Foro Asturias.
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

O Congreso aprobou esta quinta feira a Lei de Pesca Sostíbel e Investigación Pesqueira.

O texto da lei saíu adiante cos votos a favor do PSOE, Unidas Podemos, ERC, Ciudadanos, PNV, EH Bildu, a abstención do PP, Vox, BNG, Junts e PDeCAT e o voto en contra do PRC e Foro Asturias.

Após superar a súa votación no pleno do Congreso, a norma pasa agora ao Senado, onde se tramitará en fase de relatorio, comisión e pleno. No caso de introducir novas emendas na Cámara Alta, o texto volvería ao Congreso para a súa aprobación definitiva.

A norma pesqueira ten o obxectivo de "fortalecer a conservación e o uso sostíbel dos recursos pesqueiros, apostando así por un uso máis eficiente e flexíbel das cotas pesqueiras".

O proxecto aprobado polo Congreso pretende tamén que a actividade pesqueira contribúa á creación de emprego, á xeración de riqueza e a cohesión social das zonas costeiras do Estado, así como o fortalecemento do vínculo entre a ciencia e a acción política nesta materia".

Emendas do BNG e PNV

Durante o seu trámite en comisión, incorporáronse tres emendas do BNG para elaborar un catálogo de enfermidades profesionais propias dos traballadores do mar, unha disposición para a garantía do dereito de voto dos tripulantes embarcados en altura e gran altura e outra para que as autoridades laborais promovan, medien e favorezan a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas aos tripulantes na pesca de grande altura, altura e litoral.

Con todo, desde o BNG xustifican a súa abstención alegando que esta lei "non muda a precaria situación do sector pesqueiro galego).

Emendas estas que a pesar de saíren adiante en comisión, recibiron o voto en contra de PSOE e Unidas Podemos.

Para alén diso, o proxecto de lei incluíu unha emenda do PNV para que a información contida nos rexistros de buques de pescas sexa bidireccional entre o Estado e as comunidades autónomas, de forma que tanto a Administración do Estado como as comunidades autónomas teñan coñecemento "en todo momento" dos buques rexistrados.

Comentarios