Aitor Esteban, PNV-EAJ: "A persecución forma parte dese concepto de España ao redor do feito castelán"

Aitor Esteban (Bilbo, 1962) desenvolve desde 2012 a función de portavoz do PNV-EAJ no Congreso das Deputadas e dos Deputados. Hoxe participará nunha mesa redonda nas IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista, organizadas pola Deputación de Pontevedra, xunto a Joan Tardà (ERC) e Olalla Rodil (BNG).
O portavoz do Partido Nacionalista Vasco, Aitor Esteban (Foto: Nós Diario).
photo_camera O portavoz do Partido Nacionalista Vasco, Aitor Esteban. (Foto: Nós Diario)

—Que situación viven os nacionalismos na actual democracia?
Non están recoñecidos na súa esencia. Hai unha dificultade extrema en España de aceptar que hai xentes que poden sentir que pertencen a unha nación diferente a pesar de convivir no mesmo Estado. É algo insuperábel desde un punto de vista español, castelán diría eu. Sobre todo nos dous últimos séculos, España medrou con esa idea. Non aceptar esa realidade o que provoca é seguir cos problemas e cos desaxustes de sempre, desde institucionais até sociais, pasando tamén polos lingüísticos.

—Como se podería solucionar?
Primeiro teñen que asumilo eles. Sobre todo os grandes partidos políticos españois. Cando hai reivindicacións do tipo de recoñecemento nacional deberían transmitir á opinión pública que non pasa nada, que é normal, que manteñan outra posición, mais como demócratas. Aceptar que hai un grupo moi importante de cidadás e cidadáns no Estado español que teñen ese sentimento de pertenza diferente ao que hai que dar saída se se quere chegar a unha convivencia en termos o máis democráticos posíbeis.

Se non se fai pedagoxía e non se mostra normalidade por parte deses partidos, é moi difícil de conseguir. Normalmente, o que fan é envolverse na bandeira española e dicir todo o contrario. 

A resposta do Estado español é o “a por eles” de hai pouco contra Catalunya. Non defenden os que non se senten españois, que se senten doutra nación ou mesmo que queren independizarse. Consideran que non son cidadáns do Estado español, polo que cren que a súa voz non hai que tela en conta. É o que sucedeu e sucede unha e outra vez. 

—Segue afectando á visión que ten a cidadanía dos nacionalismos do Estado español a persecución histórica que padeceron?
A persecución forma parte dese concepto de España ao redor do feito castelán, en relación á lingua e á cultura, como alma e raíz de todo o que é España. No franquismo aderezouse cun pouco de cor co folclore andaluz. Acéptante se isto vai de bailes rexionais. Se un expresa o sentimento ou o dereito que ten para poder expresarse na súa lingua ou que esta non sexa minorizada, que sexa tratada co mesmo respecto que o castelán,... comezan os problemas. Está presente no franquismo, mais vén de antes. 

Eu diría que a maior advertencia foi a primeira Constitución española que asumiu un concepto francés: unha soa nación, unha soa lei e un só parlamento. Ese esquema seguiuse durante todo o século XIX e en Euskadi, nas guerras carlistas, máis alá dunha concepción de defensa do liberalismo ou do absolutismo, o que está por debaixo é a defensa do status de país. Cada unha das constitucións españolas, de maneira tímida a republicana, até a de 1978, non afrontan este tema.

Esta última ten o atranco do título preliminar. A evolución foi un café para todos e unha recentralización de políticas administrativas e de xurisprudencia do Tribunal Constitucional.

—Preocúpalle que haxa partidos de peso que continúen con ese discurso de atacar os nacionalismos coa idea de sumar votos?
Estamos acostumados a que nos empregue un ou outro partido político español. Antes a escusa para buscar ese voto era ETA. Cada vez que se fala de concerto económico ou idioma, o mesmo. É a súa arma para concentrar o voto. Mandan a mensaxe de que somos malos cidadáns e mesmo antidemocráticos, cando a realidade é o contraria. 

Empregan cos vascos, cataláns ou galegos o que denominan “concesións” por non chamarlles “acordos”. Suponse que hai xente con visións diferentes dentro do Estado español e haberá que respectalas. Hai que tentar buscar puntos de encontro e non impoñer o que é un nacionalismo rancio.

—En relación coa memoria histórica, Alberto Núñez Feixoo nunhas declaracións recentes quitoulle importancia, rexeitando tratar o tema. Que lle parece?
Pareceume patético. Ten unha responsabilidade pola posición que ocupa de liderar un partido político importante. Máis alá diso, se quere aspirar a algo máis a nivel institucional terá que dicir claramente cal é a súa posición. Debería ser democrática e chamar golpe de Estado o que foi e non admitir determinados discursos como loas a golpistas ou que haxa nomes de rúas de unidades de exércitos que romperon no seu momento a orde institucional. 

Falan de Catalunya exaxerando, cando en 1936 houbo un levantamento armado en contra do poder estabelecido. Despois, a represión que houbo na guerra e na ditadura non pode dicir que son “batalliñas de avós”. Ou é unha resposta fóra da realidade ou a de alguén que ten medo a dar a súa opinión.

A represión das identidades nacionais

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, dirixido pola deputada Marta Ortega, centra esta cuarta edición das Xornadas contra a Impunidade nas ‘ideas furtadas’. Este sábado un dos momentos protagonistas será a mesa redonda que, baixo o título A represión das identidades nacionais,  procurará debater sobre a situación dos nacionalismos na actual democracia tras a persecución que sufriron durante a ditadura e mesmo con anterioridade.

O debate será moderado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro, e nel estarán presentes os parlamentarios no Congreso Aitor Esteban (Partido Nacionalista Vasco, PNV-EAJ) e Joan Tardá (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), xunto á deputada no Parlamento galego Olalla Rodil (BNG).

Comentarios