O Congreso aproba suprimir o delito de sedición nun pleno en que Ciudadanos e PP se negaron a votar

O deputado do BNG no Congreso en Madrid, Néstor Rego, recriminou ao PSOE o seu voto en contra nas emendas da organización nacionalista que procuraban "non retroceder nas liberdades públicas e dereitos democráticos e eliminaban as mudanzas introducidas en relación ás ‘desordes públicas’, que posibilitará a criminalización e penalización de mobilizacións e protestas sociais".

Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

O Pleno do Congreso aprobou esta cuarta feira a lei que suprime o delito de sedición, reforma o de malversación e modifica a elección dos dous maxistrados do Tribunal Constitucional que corresponde nomear ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), nunha votación en que non participaron nin PP nin Ciudadanos.

En concreto, a proposición de lei obtivo o voto favorábel de 184 deputados superando o listón mínimo da maioría absoluta (176) que requiría polo seu carácter orgánico.

Pola súa parte, PP e Cidadáns decidiron non participar na votación. Os 'populares' estaban nos seus escanos, pero non apertaron os botóns para votar mentres que os 'laranxas' nin sequera entraron ao Salón de Plenos para a votación.

O PSOE vota en contra das emendas do BNG

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamentou que o PSOE non apoiase as emendas rexistradas pola organización nacionalista que buscaban eliminar o delito de desordes públicas agravadas, dado que a norma proposta "vai posibilitar unha aplicación máis ampla na represión das mobilización e protestas sociais", polo que votou en contra.

O resultado final da Proposición de Lei, explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, "non pode contar co apoio da organización nacionalista", que si se manifestou partidaria de derrogar o delito de sedición ou a modificación do delito de malversación.

O BNG mostrouse partidario de derrogar o delito de sedición por entendelo como un delito "anacrónico" e que "permitía unha utilización política por parte da xustiza para perseguir accións que, mesmo sendo pacíficas e democráticas, se considerasen un perigo para a continuidade do Réxime do 78".

No caso da malversación, a proposta presentada "mantén unha penalización elevada para aqueles casos en que se produza corrupción, con lucro persoal ou de terceiros, graduando a pena en función da actuación e despenalizando aquelas que non correspondan ao obxectivo de combate contra a corrupción senón que entren dentro da actuación política, que nunca debe ser cuestionada pola xustiza. De facto, a redacción actual foi unha reforma do Partido Popular feita ad hoc no ano 2015 para o caso catalán e que permitía perseguir a disidencia política", indicou o nacionalista.

"Hai que evitar que os corruptos non paguen polos seus delitos por iso somos partidarios dunha regulación máis estrita do delito de enriquecemento ilícito. Parécenos excesivamente laxo, tanto no seu limiar mínimo de 250.000 euros como a definición de a quen pode ser aplicado" explicou Rego, que, ademais, reclama máis contundencia para loitar contra a corrupción.

"Posibilitará criminalizar mobilizacións"

Mais, segundo sinala o deputado nacionalista, o Bloque Nacionalista Galego "non pode apoiar unha modificación do delito de desordes públicas que os agrava e que posibilitará criminalizar e penalizar a mobilización popular e a protesta social".

Unha regulación, explica Rego, que permitirá un uso máis amplo e extenso da represión das mobilizacións populares e da persecución -mesmo coa penas de cárcere- con "formas de protesta social habituais e pacíficas que permitiron conquistar dereitos e tamén mantelos ou avanzar para outros novos".

Neste sentido, o deputado nacionalista lamenta a actitude dos deputados e deputadas de PSOE por votar en contra das emendas rexistradas polo BNG ao texto lexislativo que procuraban eliminar as mudanzas introducidas en relación ás "desordes públicas".

Comentarios