A nova Lei estatal de pesca sustentábel ignora os riscos da enerxía eólica mariña

A Galiza non será declarada zona altamente dependente da pesca.
Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)

A Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira afronta esta quinta feira a súa votación no Congreso español, despois de que a comisión de Agricultura e Pesca aprobara o texto. A lei pretende, segundo o propio documento, alén de fomentar a investigación oceanográfica pesqueira, regular a pesca en augas exteriores, dentro do ámbito das competencias do Estado. Incluiría así, por exemplo, a pesca de baixura que se leva a cabo fóra das rías galegas.

Esta nova lei, lonxe de contemplar a prohibición da eólica mariña, abre a porta á autorización destas infraestruturas. De feito, o artigo 29 que regula "obras, instalacións e demais actividades no mar susceptíbeis de interaccionar cos recursos pesqueiros" estabelece como autorizar a realización de infraestruturas sobre as augas, mais non condiciona nin prohibe a eólica mariña. Son xa nove os proxectos presentados para erguer aeroxeradores nas augas galegas, que afectarían máis de 100 caladoiros pesqueiros. 

Por outra parte, a lei permitirá unha actividade moito máis intervencionista por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa). Ante calquera intervención que as autonomías decidan realizar nos seus territorios, precisarán un informe previo emitido polo propio Mapa ou polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), segundo corresponda.

No ámbito social, a iniciativa non ten en conta as peticións dos gardacostas da Galiza, que reclaman, como traballadores do mar, ser incorporados ao réxime especial do mar e aplicar o coeficiente redutor correspondente.

Da mesma maneira que lle nega a profesións de alta penosidade como son as mariscadoras, percebeiros e mergulladores un coeficiente de 0,40. A nova lei, ademais, non contempla demandas do sector galego como a transferencia da capacidade de decisión ás institucións que xestionan o territorio –a Xunta, no caso do galego– e tampouco abre a porta a declarar Galiza como zona altamente dependente da pesca, proposta defendida polo BNG. Un aspecto especialmente relevante nun territorio no que a produción do mar supón o 5% do PIB.

Garantía do dereito a voto

A lei incorporou en comisión tres emendas do BNG para elaborar un catálogo de enfermidades profesionais propias dos traballadores do mar, unha disposición para a garantía do dereito de voto dos tripulantes embarcados en altura e grande altura, e outra para que as autoridades laborais favorezan a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas aos tripulantes de grande altura, altura e litoral. 

Comentarios