A Lei de pesca sostíbel avanza no Congreso tras aprobarse en comisión sen votos en contra

O texto final da lei incorporou até tre emendas de diferentes do Bloque Nacionalista Galego.
Comisión no Congreso en Madrid (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Comisión no Congreso en Madrid (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

A Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso en Madrid aprobou esta segunda feira a Lei de pesca sostíbel e investigación pesqueira sen ningún voto en contra e cos votos a favor de PSOE, Unidas Podemos, ERC, EH Bildu, PNV e Ciudadanos.

No que respecta ao resto de formacións, tanto o PP e Vox como o BNG optaron por absterse. Deste modo, o texto remítese agora ao Pleno do Congreso para a súa votación definitiva esta quinta feira e posteriormente será remitida ao Senado.

O documento aprobado incorporará unha emenda (que contou co apoio de PSOE e Unidas Podemos) para que a información contida nos rexistros de buques de pescas sexa bidireccional entre o Estado e as Comunidades Autónomas, de forma que tanto a Administración do Estado como as Autonomías teñan coñecemento "en todo momento" dos buques rexistrados.

Así mesmo, introducíronse tres emendas presentadas por Néstor Rego, do BNG, tras un empate nas votacións que se saldou coa ponderación do voto do Pleno, que aprobou as propostas pese ao voto en contra de PSOE e Unidas Podemos.

En concreto, as emendas da organización nacionalista galega ían na liña da elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais propias dos traballadores do mar, unha disposición para a garantía do dereito de voto dos tripulantes embarcados en altura e grande altura e outra para que as autoridades laborais promovan, medien e favorezan a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas aos tripulantes na pesca de grande altura, altura e litoral.

Outras emendas

No que respecta ás emendas doutras formacións, EH Bildu decidiu retiralas, xa que prioriza que a lei saia en prazo e seguir negociando no futuro con PSOE e Unidas Podemos sobre ámbitos relacionados co desenvolvemento da cadea alimentaria, segundo explicou o deputado Iñaki Ruiz de Pinedo.

Pola súa parte, o PNV mostrou o seu apoio á lei a pesar de estar "medianamente satisfeito" coa iniciativa, xa que preferíasn dar un maior peso ás competencias das Comunidades Autónomas en materia pesqueira.

No que respecta a Unidas Podemos, a súa deputada, Marisa Saavedra criticou os "tímidos" pasos que dá o proxecto en materia de democratización na xestión pesqueira, a pesar dos "bos resultados" que esta deu nalgúns territorios.

Ao lado do PP, o deputado Joaquín María García Díez mostrouse crítico cunha lei que non foi demandada "por unha ampla parte do sector pesqueiro" e ademais prodúcese nun momento que "non é precisamente oportuno", xa que está a piques de revisarse a política pesqueira común a nivel europeo e o sector pesqueiro pasa por unha "grave crise".

Comentarios