Afonso III e Xemena. Os restauradores da Gallaecia

Alcumado o “magno” pola historiografía tradicional, sen dúbida o reinado de Afonso III destacou tanto pola súa magnitude no tempo (44 anos) como polo apoxeo territorial que experimentou o entón reino da Gallaecia. Un avance sen precedentes próximos que levou o territorio galego a estender novamente os seus dominios até a cidade de Coimbra, tal e como sucedera coa monarquía sueva. 
Miniatura de Afonso III no Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)
photo_camera Miniatura de Afonso III no Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)

Fillo do rei Ordoño I e da raíña Munia, Afonso III ascendeu ao trono da Gallaecia tras a morte de seu pai no ano 866. Porén, a súa sucesión non estivo exenta de problemática pois, como era costume, co falecemento do rei abríase un baleiro de poder que era aproveitado polos disidentes do falecido para se facer co trono. Ese foi o caso do conde lucense, Froila Vermúdez, que partiu das súas posesións en terras galegas para reclamar o trono de Oviedo, tal e como o fixera Ramiro I, o avó do propio Afonso. Non se coñecen as reclamacións deste aristócrata nin a relación deste con Ordoño I ou outra liñaxe real, mais o certo é que Froila Vermúdez logrou apartar a Afonso III do trono, talvez amparado nunha lexitimidade familiar que as posteriores crónicas de Afonso non quixeron transmitir.

Deposto, Afonso viuse obrigado a abandonar a corte e fuxir cara un territorio menos proclive ao novo rei e que as crónicas da época sitúan no leste do reino. Mais fose Froila Vermúdez ou Afonso III o monarca con maior lexitimidade dinástica, a pugna polo trono volveu facer voar a pantasma da usurpación e a inestabilidade política no reino. En calquera caso, cheo de escuridade e talvez obxecto de damnatio memoriae, o reinado de Froila Vermúdez foi efémero e apenas durou uns meses, concluíndo de forma violenta co seu propio asasinato a mans dos aliados de Afonso. O regreso do rei a Oviedo non calmou os ánimos en certos territorios da Gallaecia máis oriental e, apenas tres meses após a súa volta, Afonso enfrontou unha revolta nos territorios vascóns desenvolvendo unha campaña militar nesas terras.

A raíña Xemena

É probábel que alí, o propio Afonso se vise obrigado a tender pontes políticas para asegurar o seu dominio e que contraese matrimonio, por volta do ano 873, coa súa única esposa coñecida, Xemena, unha figura da que practicamente nada se coñece. Talvez vinculada á monarquía navarra −aliada de Afonso III−, a crónica Albeldense non dubidou en afirmar que procedía “dunha liñaxe real visigoda”, co que se pretendía entroncar ficticiamente aos herdeiros do matrimonio coa realeza hispano-visigoda do século VII. Fose de orixe vasco-navarra ou pirenaica, o papel de Xemena como raíña consorte testemúñase pola gran solidez da relación entre esta e Afonso, un matrimonio do que nacerían varios fillos: tres deles futuros monarcas.

O personaxe principal desta expansión polo sur da Gallaecia foi un relevante nobre e xefe militar do occidente galego chamado Vímara Peres 

Así, mentres no convulso oriente da Gallaecia se producían escasas vitorias fronte a veciña Hispania musulmá, no occidente do reino, os exércitos galegos avanzaron con forza cara o sur durante o reinado de Afonso III. Alí, as hostes dos grandes magnates galegos tomaron prazas importantes na fachada atlántica, poñendo baixo a súa autoridade urbes populosas desde o río Miño até o Mondego. O personaxe principal desta expansión polo sur da Gallaecia foi un relevante nobre e xefe militar do occidente galego chamado Vímara Peres. A pesar das grandes incógnitas que rodean esta figura, o seu patronímico, Peres (Petrici, literalmente “de Pedro”), serviu para que tradicionalmente se identificase a Vimara como fillo do conde Pedro, o enigmático nobre galego que no ano 858 derrotara os normandos ás portas de Compostela. 

Desde as terras ao norte do Miño, Vímara Peres logrou pór baixo a súa autoridade as terras entre o Miño e o Douro no ano 868, fundando unha vila nas proximidades de Braga chamada a Vila Vimaranis, a actual Guimarães. Porén, se unha campaña militar foi a que reportou maior reputación a este nobre galego foi, sen dúbida a toma da cidade-fortaleza de Porto. Coa recuperación da fronteira no río Douro, a Gallaecia histórica pasaba a estar gobernaba baixo un único monarca: Afonso III. O triunfo de Vímara Peres valeríalle o  señorío da antiga vila de Portus Calem (actual Porto), así como o condado do seu territorio. Deste xeito nacía o comitatus portucalensis, é dicir, o “condado portucalense”, o máis importante condado galego do que, séculos máis tarde, se constituiría o reino independente de Portugal.

Os Goterres

Vímara Peres non sería, en calquera caso, o único representante da poderosa nobreza galega da época de Afonso III. Entre eles, cómpre destacar o nome de Hermenexildo Goterres, quen ademais de desenvolver tarefas de goberno no sur da Gallaecia, liderou o exército que arrebatou a cidade de Coímbra ao emirato cordobés e defendeu baluarte de Porto no ano 878. Vinculado á monarquía galaica e aínda xenro de Gatón, o poderoso conde do Bierzo, Hermenexildo mantivo unha estreita relación con Afonso III, até o punto de ser titulado “mordomo real” do rei. Un posto que o nobre soubo desenvolver con audacia, e desde o cal foi capaz de reprimir a revolta doutro importante aristócrata galego chamado Vitiza, que posuía gran influencia no interior de Galiza. A súa rebelión durou sete anos (887-895) e supuxo un dos maiores desafíos á autoridade de Afonso ao pór o foco, novamente, na lexitimidade familiar do rei.

Afonso III e a raíña Xemena no 'Libro dos Testamentos' da catedral de Oviedo.
Afonso III e a raíña Xemena no 'Libro dos Testamentos' da catedral de Oviedo.

Para alén da implicación da nobreza meridional do reino, o certo é que o reinado de Afonso III e o seu afán expansionista se viron moi favorecidos polo contexto político da época. A veciña Hispania atravesaba unha forte convulsión política. O emir cordobés Mohamed I, afrontaba a sublevación de diferentes provincias como Toledo, Badaxoz ou Zaragoza, que mesmo chegaran a se converter, de facto, en auténticos reinos hispano-musulmáns independentes do poder de Córdoba, capital de Al-Ándalus. Tras esta confrontación interna atopábase unha profunda conflitividade étnica que afondaba as súas raíces no pasado e que dera pasos significativos durante as décadas anteriores. Era o caso, entre outras, da insurrección dos Banu Qasi, señores de Zaragoza e o val do Ebro, unha familia visigoda musulmá que se rebelara contra o goberno de Mohamet I, o daquela emir de Córdoba. A esta sublevación tamén se unía a dos mozárabes de Toledo, no ano 871 e, especialmente a de Ibn Marwán, señor de Badaxoz e alcumado “o galego” polos seus devanceiros. Estas sublevacións propiciaron que os emerxentes reinos cristiáns do norte peninsular, tales como o reino da Gallaecia ou o emerxente reino de Navarra dispuxesen de contrapesos políticos na Hispania musulmá contra o poder cordobés. Grazas á confrontación étnica entre bérberes, mozárabes, muladís e árabes, Afonso III puido implicarse nestas disputas e trazar importantes alianzas con algúns poderes peninsulares. Entre eles destacou o acordo cos Banu Qasi, rebeldes a Córdoba e cuxo apoio exixiu a permanencia dun dos fillos de Afonso, o futuro Ordoño II, en Zaragoza como garantía de pacto.

O rei galaico aproveitou o potencial que estas disputas civís e políticas ofrecían para o engrandecemento territorial do seu reinado. É entón, cando os círculos culturais cristiáns viron a oportunidade para recrear un discurso político que permitise a Afonso III e os seus sucesores reclamar gran parte das terras hispano-musulmás. Mais para sentar as bases das súas ambicións políticas, Afonso foi consciente que era preciso escribir −ou reescribir− un pasado que, con datos reais ou ficticios, presentase a súa liñaxe como a herdeira dos últimos reis visigodos, e non como unha monarquía autóctona que apenas tiña relación con ese pasado. Este programa ideolóxico é o coñecido como “neogoticismo”, unha ideoloxía que procuraba presentar á realeza da Gallaecia como os “novos visigodos”. Porén, coa desaparición do Estado visigodo no ano 711, resultaba necesario omitir numerosos acontecementos e, sobre todo, presentar artificiosamente os predecesores de Afonso III no trono como membros, todos eles, dunha mesma familia de orixe visigoda, quer por liña de sucesión masculina ou feminina. É dentro desta recreación do pasado onde se procurou identificar a Paio como fillo dun nobre visigodo da corte do rei Vitiza cando este gobernaba a Gallaecia desde Tui, e aínda aos reis sucesores −todos eles− supostos descendentes dun nobre vasco-cántabro coñecido como Pedro de Cantabria. Baixo este pretexto escribíronse as coñecidas como “crónicas de Afonso III”, entre as que se atopan a Albeldense, a Rotense e a Sebastianense, nas que a pluma do propio rei interveu directamente.

Orientadas e destinadas a lexitimar a posición do rei, para investigadores como Amancio Isla Frez, tras as crónicas de Afonso III atópase unha manobra política dirixida a xustificar a hexemonía da súa liñaxe fronte as constantes insurreccións que afrontaba. As propias revoltas dos condes Vitiza e Froila Vermúdez se cadra puxeron de manifesto a necesidade de xustificar o liderado de Afonso perante outros candidatos cunha lexitimade maior.

Mais o programa ideolóxico tamén foi acompañado dunha estratexia militar. Deste xeito, para espallar a súa autoridade ao longo dos antigos “Campos da Gallaecia” (actual Terra de Campos), foi preciso consolidar prazas fortificadas como Astorga, León e principalmente Zamora. Pola súa parte, León, a antiga gornición romana, constituía todo un cruce de camiños entre Oviedo e Córdoba e entre Francia e Compostela. Pola súa parte, Zamora, erixiuse como un bastión no Douro central, unha marca que se internaba nas terras galegas máis ao occidente e ao sur, en vilas como Lamego, Viseu e Coímbra.

A aposta por Compostela

Para alén das campañas militares e os proxectos historiográficos, a crecente reputación e fama de Compostela fixo que Afonso III tamén puxese a súa ollada no vello templo que Afonso II erguera no sepulcro apostólico. Co obxectivo de dignificar a igrexa compostelá e transmitir o poder da nova monarquía galaica, Afonso emprendeu a reforma arquitectónica do templo no ano 872. Con ela deuse inicio á construción dunha basílica prerrománica de grandes proporcións para a época, sendo bispo entón Sisnando I. Promovida a través da peregrinación do propio monarca no ano 874, Afonso e Xemena realizaron unha importante doazón á basílica; suntuosos agasallos entre os que destacou unha cruz de ouro e xoias preciosas. A cruz, permanecería custodiada durante máis de mil anos polas autoridades irienses/compostelás até que no ano 1906 esta desapareceu da sala das reliquias compostelás: o seu paradoiro aínda hoxe é todo un misterio. Tras 25 anos de construción, a consagración da basílica, entón o maior templo cristián da península ibérica, chegou o 6 de maio do ano 899. A ela acudiron non só o propio Afonso III e a raíña Xemena, tamén estiveron presentes as grandes autoridades eclesiásticas da Gallaecia e unha representación dos nobres máis poderosos de todo o reino.
Con motivo da construción da basílica o propio Afonso III mantivo unha fluída comunicación co entón Papa de Roma, Xoán VIII, quen autorizou finalmente a consagración da basílica. Nestas cartas, o Papa refírese a Afonso III como Rex Gallitianus ou regi Gallaeciarum, é dicir como rei de Galiza, unha Galiza cuxo territorio era aproximadamente o da Gallaecia histórica. A titulación papal, con todo, non era unha rareza. Así o sinala o profesor López Carreira, ao recordar como aínda hoxe Afonso III é tradicionalmente considerado como “rei de Asturias” −pois mantivo a corte do reino en Oviedo− malia que ningún rei ostentou tal título nin durante a Idade Media se documenta o termo “reino de Asturias”. Así o confirman diferentes documentos medievais cristiáns e aínda musulmáns que tratan a Afonso como “rei de Yilliqiya”, tal e como aludía a el o cronista andalusí Ibn Hayyan.

Cruz (foto da orixinal e recreación a cor) doada por Afonso III e Xemena á catedral de Compostela en 874 e 
roubada en 1906.
(Foto: Nós Diario)
Cruz (foto da orixinal e recreación a cor) doada por Afonso III e Xemena á catedral de Compostela en 874 e roubada en 1906. (Foto: Nós Diario)

Poucos anos máis tarde da consagración da catedral compostelá. Afonso III sufriría unha nova insurrección, mais neste caso no seo da súa propia familia. Así o conta o cronista e eclesiástico Sampiro na súa crónica. Nela, descríbese como no ano 910, o fillo primoxénito de Afonso, chamado García, conspirou contra o seu pai por motivos hoxe descoñecidos. Se ben a propia crónica sinala como responsábel ao sogro de García, o conde castelán Munio Muñoz, presentado como o auténtico instigador do golpe de Estado, é posíbel que colaborasen, xunto García, o resto de fillos de Afonso e aínda a propia raíña Xemena. Deposto do poder por García, o reino entraría nunha nova fase marcada pola conflitividade dinástica e o traslado da sede rexia desde Oviedo até o antigo campamento romano de Legio (actual León); o mesmo que xa gozara de certa relevancia durante a monarquía sueva. Alí situaríase a nova capital galaica, tal e como o manifesta a propia documentación leonesa ao se referir a León como civitate que vocitatur Legio, territorio Gallecie (“cidade que chaman León, no territorio de Galiza”).
Co derrocamento e morte de Afonso III no ano 910 tamén conclúe o período de esplendor da sé ovetense, mais tamén o inicio dun momento histórico onde os territorios máis meridionais da monarquía cobraron cada vez maior protagonismo, tales como Porto, Coímbra, León, Zamora ou Astorga. Na catedral desta última cidade serían soterrados os restos de Xemena e de Afonso III, este último nun gran sartego de época romana.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios