O Parlamento Europeo móstrase a favor da Iniciativa Xabarín

O relatorio de aplicación da directiva europea do audiovisual destaca “a importancia de facilitar a acesibilidade en todas as linguas do territorio onde se presta o servizo”, tal e como solicitaran a Mesa e as entidades do sector audiovisual galego hai uns días.

Marcos Maceira e Ana Miranda xunto a François Alfonsi e Xosé Lois Ledo en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcos Maceira e Ana Miranda xunto a François Alfonsi e Xosé Lois Ledo en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario).

O Parlamento Europeo vén de votar, esta terza feira, un informe para a implantación da Directiva do audiovisual no que destaca “a importancia de facilitar a acesibilidade (dobraxe, lexendas, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado”.

"Punto de contacto"

Tamén recorda que “é fundamental designar, sen demora inxustificada, un punto de contacto em liña facilmente acesíbel e disponíbel ao público en todos os Estados Membros” e reclama á Comisión máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo en conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.

Este posicionamento tómase días despois da comparecencia do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, do vicepresidente de Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Xosé Lois Ledo, e da profesora Soliña Barreiro, do Grupo de Estudos audiovisuais da USC, no intergrupo de linguas do Parlamento europeo, cun enorme interese por parte de deputados de todos os grupos e diversas nacionalidades.

Neste encontro na Eurocámara interviron ante medio cento de eurodeputadas e eurodeputados as persoas xa mencionadas.

Após escoitar as intervencións da delegación galega, a vicepresidenta do Intergrupo, a húngara Kinga Gál, agradeceu as análises realizadas e comprometeuse a "facer seguimento" do cumprimento da Directiva audiovisual da UE en relación coas linguas oficiais do Estado español. 

Rolda de prensa

Para unha valoración máis ampla das consecuencias e da importancia deste informe do Parlamento Europeo, esta cuarta feira 11 de maio ás 11 horas representantes da Mesa e doutras entidades do sector presentes na Iniciativa polo galego no audiovisual ofrecerán unha rolda de presa na aula 5 da faculdade de comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios