As eleccións europeas serán o 9 de xuño de 2024

O 9 de xuño de 2024 barállase para a convocatoria das eleccións ao Parlamento europeo. Unha data que debe ratificar agora o Consello Europeo. Ao Estado español correspóndenlle, após o 'Brexit', 59 escanos, que se reparten a través dunha circunscrición única.
Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, en Francia. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA)

A próxima cita coas urnas a nivel comunitario xa ten data: o domingo 9 de xuño de 2024, aínda que a data debe ser ratificada polo Consello Europeo. Así o veñen de confirmar a Nós Diario fontes próximas ao Parlamento europeo, cuxos 705 escanos —antes da saída do Reino Unido eran 751— serán renovados nesa data para o vindeiro mandato, a que será a XII lexislatura deste órgano.

Dos anteriores comicios de 2019, nos que as formacións británicas concorreron dado que aínda non se formalizara o Brexit malia que logo abandonaron os asentos, saíron vencedores os partidos agrupados no Partido Popular Europeo, con 176 escanos na actualidade; seguido do grupo de Socialistas e Demócratas, con 144; os liberais de Renovar Europa, con 101; a suma dos Verdes e a Alianza Libre Europea, con 72; o os ultraconservadores e ultradereita integrados no Partido dos Conservadores e Reformistas Europeos, con 66; o grupo de extrema dereita Identidade e Democracia, con 62; o grupo da Esquerda, con 37, e finalmente as deputadas e deputados non adscritos, os 47 restantes.

No caso concreto da Galiza, a forza máis votada foi o PSOE, que obtivo 35,05% dos votos, seguido do PP, con 29,81%; o BNG —integrado na coalición estatal Agora Repúblicas—, con 11,84%; Unidas Podemos, con 8,12%; Ciudadanos, con 6,67%; Vox, con 2,58%; Pacma, con 1,23%, e En Marea —dentro de Compromiso por Europa—, con 1,06%. Outras 27 formacións políticas non superaron o 1% de apoios.

Os 54 asentos que corresponden ao Estado español na Cámara europea —serán 59 en 2024—, repartidos perante unha circunscrición única, quedaron repartidos da seguinte maneira —após o Brexit—: 21 para o PSOE (32,86% dos votos), 13 para o PP (20,15%), 8 para Ciudadanos (12,18%), 6 para Unidas Podemos (10,07%), 4 para Vox (6,21%), 3 para Agora Repúblicas —ERC, Bildu, BNG e outros— (5,58%), 3 para Lliures per Europa —Junts, PDeCAT e CDC—, 1 para Coalición por unha Europa Solidaria —PNV, Compromiso por Galicia, Coalición Canaria e outros— (2,82%) e ningún para Compromiso por Europa —Compromís, En Marea, Chunta Aragonesista, Més e outros—, que non pasou de 1,32% dos sufraxios.

Subvencións para promover as eleccións

Por outra parte, a pasada semana o Parlamento europeo convocou unha liña de subvencións destinada a organizacións sen ánimo de lucro e cidadáns particulares que ten por obxectivo "promover a concienciación sobre o papel da Cámara e o seu impacto na cidadanía", así como fomentar a participación nas eleccións de 2024.

Con estas axudas cofinanciaranse proxectos —con cantidades que oscilarán entre 5.000 e 60.000 euros— como formacións, obradoiros, concursos, iniciativas universitarias, cuestionarios ou campañas en redes sociais, entre outros formatos, que "contribúan a sumar a máis persoas (especialmente novas) dentro da iniciativa todosjuntos.eu".

Comentarios