Denuncian na UE a restrición ao galego na lei audiovisual española

A pluralidade lingüística no sector audiovisual chegou ao Parlamento Europeo. Para debater unha cuestión que "non está garantida na Galiza" a sesión do Intergrupo de Linguas da Eurocámara que decorreu esta quinta feira en Estrasburgo (Francia) contou coa presenza dunha delegación de representantes de entidades galegas relacionadas co sector.  
IMG_0332
photo_camera O vicepresidente do Intergrupo, François Alfonsi, Marcos Maceira, Ana Miranda e Xosé Lois Ledo, esta quinta feira en Estrasburgo.

Desta maneira, interviron ante medio cento de eurodeputadas e eurodeputados Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Xosé Lois Ledo Andión, vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), e María Soliña Barreiro, en representación do grupo de estudos audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi un debate impulsado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que ademais agradeceu esta quinta feira poder escoitar e utilizar a súa lingua propia –o galego– no Parlamento da UE.

Marcos Maceira analizou a situación da lingua galega en diferentes sectores, entre eles o xudicial ("un ámbito practicamente analfabeto en galego", afirmou) ou o ensino ("onde a nosa lingua está prohibida por Decreto"). Contextualizou, así, a relación entre o sector audiovisual e a lingua propia da Galiza, destacando que "só 4% da TDT está en galego". Para Maceira, datos como ese significan que "a situación do galego no audiovisual e a propia Lei española do audiovisual vulneran o principio de pluralidade lingüística e cultural contido na directiva europea".

Por este motivo, o presidente da Mesa instou o Parlamento Europeo a emitir unha resolución sobre a aplicación da directiva europea que garanta a igualdade de condicións para todas as linguas propias. 

Lei de audiovisual

O vicepresidente da Agapi, Xosé Lois Ledo Andión, tamén aproveitou a xuntanza do Intergrupo de Linguas, do que forman parte deputadas e deputados de todos os grupos do Europarlamento, para explicar como afecta a nova Lei española de audiovisual ás empresas independentes de produción de cinema e audiovisual da Galiza. "É unha lei simplemente mala para o sector do audiovisual independente e mala para o idioma", sentenciou Ledo. "Esta lei consagra o oligopolio empresarial español. Dinamita a produción realmente independente, que é garante da dinamización de contidos minorizados e facedora do audiovisual da diversidade cultural e lingüística", valorou o vicepresidente da Agapi, após subscribir a valoración feita por Marcos Maceira.

Mantemento da cultura

Pola súa parte, María Soliña, que asistiu á xuntanza do intergrupo de maneira telemática,  expresou o punto de vista do grupo de estudos audiovisuais da USC sobre un tema que consideran "fundamental". "O audiovisual para as nacións sen Estado e con lingua propia é unha esfera simbólica, económica e sociocultural fundamental para o mantemento da nosa propia cultura e estima", afirmou. "A adaptación da directiva europea que fai a nova lei española traballa contra iso", valorou Soliña. 

Após escoitar as intervencións da delegación galega, a vicepresidenta do Intergrupo, a húngara Kinga Gál, agradeceu as análises realizadas e comprometeuse a "facer seguimento" do cumprimento da Directiva audiovisual da UE en relación coas linguas oficiais do Estado español. 

Comentarios