A parella que denunciou discriminación lingüística no Rexistro Civil de Vigo consegue casar en galego

A xuíza que se negara a oficiar a voda en galego non compareceu no casamento.
Imaxe de arquivo dun casamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo dun casamento. (Foto: Nós Diario)

A parella que denunciou ante a Mesa pola Normalización Lingüística a discriminación lingüística vivida no Rexistro Civil de Vigo despois de que lles negasen a petición de casar en galego, conseguiu finalmente esta sexta feira que o oficio decorrese na lingua solicitada no propio Rexistro Civil.

Nun primeiro momento, a xuíza que debía casalos negárase a facelo en galego poñendo de escusa a súa orixe, xa que é de fóra da Galiza. Porén, finalmente a maxistrada non compareceu no oficio, e o seu substituto “non tivo ningún problema en casalos en galego”, explicou a Nós Diario o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Na quinta feira, X. un dos cónxuxes -preferiron manter o anonimato- asegurou en conversa con Nós Diario que casarían en Vigo porque "non temos por que movernos a outro concello para casar, temos os mesmos dereitos que os falantes en castelán".

Pola súa parte, Maceira felicitou a parella, tanto polo casamento como pola “valentía” e “afouteza” de denunciar o desleixo do galego no Rexistro Civil de Vigo, a pesar da “exposición pública” á que se viron sometidos nun “momento vital que debería ser compartido só con familiares e achegados”.

Situación “lamentábel”

Para o presidente da Mesa, o ocorrido na última semana só pode ser definido como “lamentábel”. “Despois de máis de 40 anos de oficialidade do galego e de lexislación para a normalización lingüística, é incríbel que entidades como a nosa teñan que seguir a reivindicar aspectos tan evidentes como que a xente poida vivir a súa vida na súa lingua”, manifestou.

X. lamentou que “o Estado español é unha democracia defectuosa, na que os galegofalantes vivimos un panorama de apartheid lingüístico”. “Se tivésemos os mesmos dereitos civís que os castelanfalantes, isto non ocorrería”, engadiu.

Finalmente, Maceira destacou que foi a presión social e o labor da Mesa pola Normalización Lingüística os que conseguiron que o casamento finalmente decorrese en galego, fronte á negativa dunha xuíza que mostrou unha actitude “claramente galegófoba”.

Sobre como deben afrontar esta situación outras parellas que queiran casar en Rexistros Civís que, como o de Vigo, discriminan o galego, X. insistiu en que o primordial é “non calar e denunciar”. “Só así conseguiremos garantir os nosos dereitos civís como cidadáns do Estado español”, sentenciou.

Comentarios