Histórica sentenza do TSXG a favor do galego

Xurxo Martínez: "Nun mundo no que mandamos máquinas a Marte, non pode ser o que o Estado non garanta un servizo en galego"

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de dar a razón a Xurxo Martínez, escritor e responsábel do servizo de normalización lingüística do Concello de Redondela, que viviu unha 'odisea' xurídica de case catro anos para conseguir que a Axencia Tributaria o atenda en galego. 
Xurxo Martínez González.
photo_camera Xurxo Martínez González. (Foto: Aira Editorial)

Vostede tomou a decisión en 2018 de que quería que todas as súas xestións coa Axencia Tributaria tivesen lugar en galego. Para comprobalo, fixo unha presentación tardía da súa declaración. 

Dalgunha maneira, quixemos provocar unha reacción da Axencia Tributaria, partindo de con anterioridade rexistráramos unha comunicación para que todas as xestións entre a administración e eu fosen en galego. Para probar se cumpría, fixen esa declaración fóra de prazo, e o requerimento que me chegou viu en castelán. A partir dese momento comezou este periplo.

A Administración poñía moitas trabas á hora de tramitar a súa solicitude de respectar os seus dereitos lingüísticos?

Aquí existía un debate xurídico, que agora a sentenza do TSXG aclara, e é que, segundo a lei, calquera procedemento que inicie a Administración por oficio debe facelo en castelán, pero nos enviáramos un escrito previamente para solicitar que todas as comunicacións tivesen lugar en galego, mesmo as que fosen por oficio.

O debate era se eles podían empregar o castelán por oficio ou se estaban obrigados a empregar o galego porque así o solicitara eu anteriormente. Ademais, as miñas anteriores declaracións da renda estaban todas en galego, e a sentenza interpreta que eu sempre tiven vontade de que se me comunicase todo en galego.

A partir do momento no que me chega a comunicación pola declaración tardía, o que fago é devolver todas aquelas notificacións que me chegan en castelán, para que mas manden en galego. Algunhas veces tardaban unha semana, e outras tardaron meses.

O máis curioso é que varias institucións nos daban a razón, pero que non a Administración non podía garantir ese dereito lingüístico por falta de medios. Iso foi o máis escandaloso. Se un pregunta como funciona o programa de procedementos administrativos, decátase de que só ten a versión en castelán. Todo o que o funcionarado faga noutra lingua teno que facer de xeito manual, non automática. O programa non daba a posibilidade de presentar os documentos en galego.

Antes de que o TSXG lles dese a razón, temeu nalgún momento que, amparándose nalgún baleiro legal, se lle negase definitivamente o seu dereito lingüístico?

 Se o pensase, non tería iniciado todo este proceso. Aquí a cuestión é levar até as últimas consecuencias o marco legal que temos. Penso que hai unha interpretación que ten que discutir un xulgado e decidir. Existían sentenzas que podían servir de referencia, a nivel do Tribunal Supremo, pero de casos contrarios. De xente que solicitou as xestións en castelán, e se lle tramitaron en catalán, por exemplo.

A cuestión tamén viña de que nós temos o dereito de saber galego, pero a obriga de saber castelán. Tiñamos que ver que interpretación deste punto facía o tribunal. O que manifestou é que o meu dereito a escoller o galego non pode estar subordinado á obrigatoriedade de que eu coñeza o castelán.

Iso é moi interesante porque lle está dicindo á Administración que non se pode escusar constantemente en que temos a obriga de saber castelán, porque temos o dereito de saber e empregar galego, e queremos facer uso del. Até agora iso non se tiña en conta, pero o TSXG deixa claro que o meu dereito lingüístico está por enriba da obriga de saber o castelán, sempre que sexa explícito.

Pode ser esta sentenza un punto clave para que se respecte o galego nun ámbito tan importante para a normalización lingüística como é o administrativo?

 Si, pode selo. O máis interesante desta sentenza é que é a Administración estatal a que debe garantir os medios  necesarios para que o funcionariado poida responder en iguais condicións en castelán ou en galego. Non pode ser que teñan que redactar os documentos de xeito manual, porque pola carga de traballo que teñen non o poden facer sempre. Meten os datos no programa, e como a única opción é en castelán, envían así.

O mesmo pasa noutras moitas institucións, mesmo galegas, que teñen as súas páxinas web en galego, pero que á hora de acceder a servizos ou sedes electrónicas, só dan a opción de traballar en castelán. Nun mundo no que mandas máquinas a Marte, non pode ser que a Administración non garanta un servizo na lingua que escolla, neste caso o galego. Por iso pídolle á xente que, sempre que queira, explicite canto antes o seu desexo de que lle atendan sempre en galego, e a partir de aí, que reclamen sempre que non se cumpra.

Comentarios