"Non temos por que movernos a outro concello para casar, temos os mesmos dereitos que os falantes en castelán"

'Nós Diario' fala cun dos cónxuxes que viu vulnerado no Rexistro Civil de Vigo o seu dereito a casar en galego.
Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)

O pasado mes de outubro, a Mesa pola Normalización Lingüística denunciou a situación vivida no Rexistro Civil de Vigo por unha parella que solicitara que súa voda fose oficiada en galego e que recibiu que por resposta que a única opción posíbel era casalos en castelán con tradución simultánea ao galego.

En conversa con Nós Diario, X. un dos cónxuxes -prefire manter o anonimato- que finalmente van casar esta sexta feira, explica que os dous membros da parella eran conscientes de que ían atopar estas trabas burocráticas cando decidiron contraer matrimonio no Rexistro Civil da cidade olívica.

“Sabíamos pola Mesa que outras parellas atoparan este problema e decidiran ir a outros concellos para casar”, explica X., “pero nos tiñamos claro que ninguén nos pode obrigar a marchar a outro lugar para casar. Somos cidadáns iguais que os que falan en castelán”.

Este home pon de manifesto que, á hora de presentar a documentación requirida polo xulgado, preguntou pola cuestión do galego, recibindo como “escusa” que as maxistradas non son do país, o que provocaba que a única opción viábel fose a da tradución simultánea.

Democracia “defectuosa”

Para X., a situación vivida no Rexistro Civil de Vigo demostra que “o Estado español é unha democracia defectuosa, na que os galegofalantes vivimos un panorama de apartheid lingüístico”. “Se tivésemos os mesmos dereitos civís que os castelanfalantes, isto non ocorrería”, engade.

“Cando tratas así unha parte da poboación, está claro que vas maltratar outros colectivos”, lamenta X., que considera evidente que “hai un fallo no sistema”. “Agora somos nós, mais a pregunta é: Quen será o seguinte?”, cuestionou.

Sobre como deben afrontar esta situación outras parellas que queiran casar en Rexistros Civís que, como o de Vigo, discriminan o galego, X. ten claro que o primordial é “non calar e denunciar”. “Só así conseguiremos garantir os nosos dereitos civís como cidadáns do Estado español”, asegura.

X. tamén explica que existen alternativas de desobediencia civil para facer visíbel o desleixo lingüístico que sofre o galego. “A Mesa propúxonos facer un segundo casamento ‘de desagravio’ ás portas do Rexistro Civil. Nos preferimos non facelo, porque bastante exposición pública tivemos xa, mais seméllanos unha boa idea”, conclúe.

Comentarios