Casar en galego na cidade de Vigo? Só con "tradución simultánea"

A Mesa recolle unha denuncia pola vulneración do dereito a casar en galego no Rexistro Civil de Vigo.
A falta de galego motivou queixas nos rexistros de Lugo e A Coruña. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A falta de galego motivou queixas nos rexistros de Lugo e A Coruña. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta segunda feira a resposta dada pola maxistrada do Rexistro Civil de Vigo a unha parella que solicitara que a súa voda se oficiase en galego.

 “O legalmente admitido en dereito” é que o enlace se celebre en castelán, con tradución simultánea á lingua galega, dixo a maxistrada, a pesar de que o propio Rexistro Civil si recoñece o dereito a casar galego, tal e como asegurou a vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas.

Non é a primeira vez que a Mesa recibe queixas deste estilo. O pasado mes de xullo, unha muller púxose en contacto coa asociación na defensa dos dereitos do galego para trasladar o seu caso, ocorrido tamén no Rexistro Civil de Vigo.

Esta muller e a súa parella solicitaron que a súa voda fose oficiada en galego. Tras presentar toda a documentación e completar o seu expediente, a afectada pensou que “a opción da lingua nola darían o propio día da cerimonia, mais a un mes da voda chamei por se tiñamos que facer algún trámite e a miña sorpresa foi cando me dixeron que as maxistradas que están agora non son bilingües e que para garantir o uso do galego na cerimonia terían que pór un tradutor".

Vulneración de dereitos

Quintas criticou esta segunda feira que “a cidadanía galega ve vulnerados os seus dereitos lingüísticos por parte das entidades que están chamadas a defendelos, sendo forzada a elixir entre a súa lingua e a celebración dunha voda civil normal".

Sobre a vulneración do dereito a casar en galego, a vicepresidenta da Mesa explicou que, aínda que este estea recoñecido por lei, “para acceder á carreira xudicial e exercer na Galiza o galego é un mérito, non un requisito, e isto converte o coñecemento da lingua en papel mollado”.

“Creo que é máis unha actitude de oposición intransixente a normalizar a lingua en todos os ámbitos, nomeadamente na administración da Xustiza, onde non se dá normalizado", lamentou Quintas en xuño deste ano.

“O normal é poder casar en galego”, concluía, sinalando que hai rexistros nos que é posíbel. "Mais depende do voluntarismo do funcionariado e de quen estea á fronte", non do “esforzo das Administracións por facilitar ese dereito”.

Comentarios