A entrada de Ucraína na Unión Europea, máis perto? As negociacións poderían comezar este ano

A presidenta do Parlamento europeo, Roberta Metsola, avoga por iniciar as conversas con Kíiv o antes posíbel. Ao mesmo tempo, Joe Biden exixe ao Goberno ucraíno reformas estruturais para facer fronte á corrupción se queren continuar recibindo armamentos dos Estados Unidos.
Roberta Metsola. (Foto: Daïna Le Lardic / Parlamento da Unión Europea)
photo_camera Roberta Metsola. (Foto: Daïna Le Lardic / Parlamento da Unión Europea)

No marco do debate na Unión Europea (UE) sobre a posibilidade de ampliar o número de Estados do bloque comunitario, a presidenta do Parlamento da UE, a conservadora Roberta Metsola, defendeu nunha entrevista difundida a cuarta feira por varias axencias que, máis que en fixar unha data para a ampliación, hai que focalizarse en dar inicio ás negociacións de adhesión con Ucraína e Moldova “para finais deste ano”.

A líder do lexislativo asegurou que os Estados membros non deben desilusionar “millóns de persoas”, despois de que o presidente do Consello Europeo, o tamén conservador Charles Michel, marcara 2030 como a data para levar a cabo a integración de novos territorios, nun proceso que estivo conxelado até a invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022. “Cada país ten o seu propio camiño”, apuntou, facendo énfase en que os países que busquen entrar na UE precisan estar “preparados” para impulsar as negociacións de adhesión.

Así e todo, que Bruxelas optara por outorgar prioridade a Ucraína e Moldova, nomeados candidatos oficiais o pasado ano, xera receos noutros países que levan anos agardando pola adhesión desde a súa designación como candidatos, como Turquía (2004), Macedonia do Norte (2005), Montenegro (2010), Serbia (2012) ou Albania (2014).

En todo caso, a entrada de Ucraína na UE vai ligada ao devir do conflito bélico, neste contexto, múltiples forzas progresistas foron prohibidas no país acusadas de apoiar Rusia, ao intensificarse un proceso que comezou en 2014 ao desatarse a guerra en Ucraína.

Poucas horas antes de facerse públicas as declaracións de Metsola, a Casa Branca remitiu unha solicitude a Kíiv para implementar reformas urxentes no sistema de Xustiza, seguridade e nas axencias anticorrupción. Na misiva, advirte que estas reformas “deben ser” aplicadas para que Ucraína “continúe a recibir asistencia militar” dos Estados Unidos.

Entre as medidas exixidas, está que o Goberno de Volodimir Zelenski “reforce o control e a supervisión civil” do Exército, ademais da “modernización do mando e da arquitectura de control” en base aos “principios” da Organización do Tratado do Atlántico Norte. Desde a invasión rusa até finais de xullo, os Estados da alianza militar liderada por Washington ou da súa contorna comprometeron 230.000 millóns de euros a Ucraína, deles, case 90.000 millóns de euros só en armamento.

Amais, Anthony Rota, presidente da Cámara Baixa canadense, anunciou a súa dimisión tras protagonizar unha homenaxe a Yaroslav Hunka, ucraíno que loitou na Segunda Guerra Mundial a favor da Alemaña nazi.

Comentarios