Sánchez dá por feito que será presidente e lamenta un "bloqueo" producido pola "frustración persoal de Feixoo"

O presidente en funcións e líder do PSOE acusa o dirixente 'popular' de de levar a cabo un "intento de investidura inútil" para "salvar" o seu cargo no PP, ao tempo que presenta esta nova lexislatura como a que "deixe atrás definitivamente" a "ruptura" que se viviu en Catalunya en 2017.
O presidente español en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, no almorzo informativo organizado esta segunda feira polo Ateneo de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente español en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, no almorzo informativo organizado esta segunda feira polo Ateneo de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, mostrouse esta segunda feira convencido de que haberá finalmente un acordo para a súa investidura e que, ademais, a próxima lexislatura será a que "deixe atrás definitivamente" a "ruptura" que se viviu en Catalunya en 2017 co procés soberanista, que culminou co referendo do 1 de outubro. Nunha intervención no Ateneo de Madrid, Sánchez afirmou que "é o momento da política" e de "pasar páxina", así como de "aprender dos erros do pasado" e volver a unha vía "que nunca se debeu abandonar", a de seguir avanzando "na convivencia". Nesta mesma liña, Sánchez defendeu as políticas que levou a cabo sobre Catalunya na anterior lexislatura, que cualificou de "valentes e arriscadas" e, nalgúns casos, "incomprendidas" pola sociedade do Estado. Mais foron, dixo, "plenamente constitucionais e ademais funcionaron". O presidente mostrouse partidario de insistir na mesma vía.

Tamén aproveitou para cargar contra o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, a quen acusou de levar a cabo un "intento de investidura inútil" para "salvar" o seu cargo no PP. Criticou que o presidente 'popular' decidise "entreter" a sociedade tentando sacar adiante a súa investidura, pois "non lle dan os números", reprochou. Pola contra, dixo que tentará con todas as súas forzas facer posíbel o acordo para un novo Goberno, algo que dá por feito, pois confía nun acordo con outras formacións que ao seu xuízo "pódese, débese e vaise a realizar".

A este respecto, agradeceu ás formacións políticas que mostraron "vontade" de entenderse co PSOE e sinalou que aínda que hai moitas cousas que os separan, tamén hai moitas outras que os unen. "Cando España non está enfrascada en conflitos internos é unha voz respectada no exterior e pode liderar debates en temas chave", celebrou.

Sánchez insistiu en que o PP non ten os votos necesarios para sacar adiante a investidura de Feixoo e en que, ademais, o seu "socio exclusivo", como denominou a Vox, atópase "nas antípodas" do que é hoxe o Estado español, "un país descentralizado, aberto, moderno, feminista e europeísta", valorou. O xefe do Executivo en funcións tamén cargou contra a proposta que Feixoo lle trasladou a semana pasada —unha lexislatura de dous anos— na reunión que ambos os líderes mantiveron, no marco da rolda de contactos que o 'popular' está a levar a cabo antes da sesión de investidura convocada para os días 26 e 27 de setembro e para a que a proiri non conta cos apoios necesarios.

O tamén secretario xeral do PSOE cualificouno de "excentricidade" e deixou claro que o mandato constitucional non pode dividirse en dous "como se fose unha torta". Ao mesmo tempo, cargou con dureza contra Feixoo ao porfiar en que o seu intento de investidura como "a obstinación e a ambición dunha soa persoa" que ao seu xuízo está "máis preocupada en manter o seu posto no seu partido que en facer algo útil pola vida dos cidadáns".

Inflación e vivenda, principais retos

Na mesma liña, sostivo que "non é responsábel" someter o Estado español a un tempo "estéril de parálise" por intereses partidistas, pero "aínda peor é", proseguiu, converter a "frustración persoal" de Feixoo nun bloqueo institucional colectivo. Por tanto, mostrouse partidario de dar comezo á nova lexislatura e formar goberno canto antes para afrontar os retos que hai por diante. Mencionou que segue habendo prezos elevados, alén dun problema crónico de acceso á vivenda e dificultades para atopar un emprego de calidade. "España non é unha arcadia feliz, segue habendo moito traballo por facer e o país non está para ocorrencias", sinalou.

Por outra parte, Sánchez defendeu un posíbel acordo con distintas forzas políticas para ser investido presidente e sinalou que as forzas da dereita tratan de equiparar a "pluralidade parlamentaria" con signos de debilidade, "chantaxes e concesións inaceptábeis". Para el, reflicten todo o contrario, a solidez e madurez da democracia no Estado. E, neste senso, lembrou que en boa parte dos países europeos tamén hai gobernos de coalición. "O PP e Vox poden proferir os exabruptos que queiran, pero a democracia española é robusta moderna e falou con claridade, e dixo que non á proposta derrogatoria de Feixoo e Abascal", argumentou.

Finalmente, Sánchez esbozou as "seis prioridades" que tería o seu novo goberno en caso de ser investido presidente de novo. Así, mencionou a modernización da economía e a consolidación dos sistemas formativos para que ofrezan oportunidades de traballo aos mozos. En segundo lugar, seguir implantando a transformación ecolóxica para mitigar os efectos do cambio climático, máis aínda despois dun verán que foi un dos máis secos da historia.

A continuación sinalou que seguirán modernizando e reforzando os servizos públicos para reducir as listas de espera e ampliar a carteira de servizos no sistema sanitario, así como mellorar as condicións dos traballadores e o acceso á vivenda. En cuarto lugar, Sánchez precisou que quere volver pór en marcha o "ascensor social" e impulsar a "meritocracia", así como seguir impulsando a igualdade entre homes e mulleres e do colectivo LGBTI. Por último, en chave territorial defendeu que é o momento de seguir avanzando na convivencia e por tanto esta lexislatura debe ser a que deixe atrás de forma definitiva o conflito en Catalunya.

Comentarios