Galego, euskera e catalán piden a súa 'oficialidade' na UE: "Hai que recoñecer a natureza plurilingüe de Europa"

50 millóns de persoas na Unión Europea —10% da poboación— falan unha lingua "minorizada" ou "rexional", linguas que non está aceptadas entre os 24 idiomas que a UE si recoñece como oficiais. Esta segunda feira, en Bruxelas, representantes de entidades e colectivos de defensa do galego, euskera e catalán reclamaron que estes idiomas sexan oficiais, unha cuestión que, apuntan, "será un fito importante, pois significaría que se recoñece a natureza plurilingüe de Europa e dos seus Estados membros".
Elsa Quintas e Davyth Hicks, no centro, durante a omparecencia en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Elsa Quintas e Davyth Hicks, no centro, durante a omparecencia en Bruxelas. (Foto: Berria)

O Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea ten esta terza feira sobre a mesa a proposta do Estado español para aceptar como idiomas oficiais o galego, o euskera e o catalán. Unha oficialidade que esta segunda feira defenderon cunha comparecencia na propia Bruxelas representantes de ELEN (Rede europea para a igualdade das linguas), da Mesa pola Normalización Lingüística (A Galiza), Kontseilua (Euskal Herria) e Òmnium, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Catalunya), entre outras. Todas elas incidiron, nun acto presentado pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, en que o recoñecemento da oficialidade é o que cómpre nunha Europa que se afirma "orgullosa do seu multilingüismo e diversidade cultural".

Así se expresou ELEN, cuxo secretario xeral é o córnico Davyth Hicks, que afirma que a inclusión destes idiomas "será un fito importante, porque significaría que a UE recoñece a natureza plurilingüe de Europa e dos seus Estados membros". Con todo, remarcou que este "non sería a fin da minorización lingüística, porque aínda queda un longo camiño por percorrer". "O status oficial a nivel europeo é clave para protexer os dereitos lingüísticos dos seus falantes", defendeu.

Na mesma liña interviron representantes como Elsa Quintas, da Mesa, que ve na oficialidade do galego na UE unha porta  aberta para gañar dereitos para a lingua na Galiza e no Estado. "Materializar o uso do galego na UE debe implicar tamén a súa transposición ao Estado", onde moitas normas da UE trasládanse sen respectar os dereitos lingüísticos.

Por exemplo, indica Quintas en conversa con Nós Diario, a Lei do Audiovisual —que reserva para o galego, vasco e catalán apenas unha cota de 1,5%— ou a da etiquetaxe, onde é obrigatorio o castelán. "Non sería normal que o galego fose oficial a nivel UE e non a nivel de Estado", indica, "onde hai centos de normas que dan primacía ao español sobre o resto de linguas".

"Dereitos cidadáns"

Idurre Eskisabel, de Euskalgintzaren Kontseilua, explicou o paso "importante" que para o vasco implicaría esta oficialidade, tendo en conta que o idioma só é oficial "nunha parte de Euskal Herria". De ser admitido como lingua oficial da UE, indicou, pasaría a ter outro recoñecemento nesas partes de Euskal Herria onde non é oficial.

Pola súa parte, Elena Jiménez,  que falou en nome de Òmnium, Obra Cultura Balear e Acció Cultural País Valencià; chamou a que a oficialidade non sexa "algo simplemente simbólico" e a que supoña un "avance" nos "dereitos de millóns de cidadáns". Jiménez lembrou que hai idiomas sen recoñecemento na UE, "como é o caso do catalán", con máis falantes que outros que si teñen ese status e afirmou que o recoñecemento de catalán, canda o galego e o vasco, "supón un efecto positivo no uso, prestixio e recoñecemento" non só destas linguas, senón do conxunto da "diversidade" europea.


Unha decisión que precisa a unanimidade de todos os Estados

O Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea, integrado polas ministras e ministros de Exteriores dos Estados membros, reúnese hoxe. Na orde do día, a demanda do Goberno español para que a Unión Europea incorpore o galego, o vasco e o catalán ao réxime lingüístico comunitario, en igualdade de condicións cos outros 24 idiomas oficiais. Para que esta demanda sexa aprobada, precísase a unanimidade de todos os Estados membros.

Suecia e Finlandia xa mostraron as súas dúbidas e reticencias de cara a aceptar a oficialidade a nivel comunitario desas tres linguas. Entre os argumentos atópase os custos que iso implicaría. Desde o Goberno español garantiron que asumirían o investimento que implique.

As dúbidas expostas nun encontro diplomático decorrido a pasada sexta feira por eses dous países nórdicos vaticinan dificultades para un aval unánime á proposta. Con todo, non se desbota que se poida atopar unha fórmula de consenso ou ben adiar este tema para vindeiras reunións. Esta última é a opción con máis probabilidades.

Desde a sociedade catalá estase a impulsar unha campaña dirixida aos Gobernos sueco e finés na que diferentes personalidades —a primeira delas, o adestrador Pep Guardiola— piden que o catalán, o vasco e o galego poidan ser oficiais na Unión Europea.

Comentarios