A Mesa denuncia que "non se están a cumprir" os acordos da Iniciativa Xabarín que conta con 33.000 sinaturas

A Cámara galega aprobou por unanimidade varios puntos da iniciativa Xabarín que comprendían accións como que a Corporación de Radio Televisión da Galiza aumentase a oferta en galego destinada á infancia e mocidade a través do reforzo e a promoción das catro canles dixitais Xabarín coas que conta a CRTVG.
Ilustración do Xabarín Club realizada por Kiko da Silva.
photo_camera Ilustración do Xabarín Club realizada por Kiko da Silva. (Foto: Kiko da Silva)

Hai tres anos que A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou a Iniciativa Xabarín reclamando contidos infantís e xuvenís en lingua galega nas televisións públicas. Co apoio de 33000 sinaturas a Iniciativa debateuse no Parlamento galego.

Naquela altura a Cámara galega aprobou por unanimidade varios puntos da iniciativa que comprendían accións como que a Corporación de Radio Televisión da Galiza aumentase a oferta en galego destinada á infancia e mocidade a través do reforzo e a promoción das catro canles dixitais Xabarín coas que conta a CRTVG.

Reclamar do Goberno estatal que, dentro do marco das súas competencias, promova as medidas precisas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa aplicación, era outro dos puntos da iniciativa.

Ademais, a iniciativa Xabarín aprobada no Parlamento tamén contemplaba chegar a acordos con outras Administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión, así como a impulsar o avance das accións necesarias para a recepción mutua TVG-RTP na Galiza e Portugal, segundo o recollido na Carta Europea de Linguas Rexionais ou minoritarias.

"Non se está acumprir"

Pois ben, segundo a Mesa “neste momento non se está a cumprir ningún destes acordos parlamentares. Malia a súa maior responsabilidade as televisións públicas (TVG e TVE) cunha responsabilidade social maior, son as que máis incumpren”.

“A TVG continúa a limitar a programación á segunda canle, sen que teñamos visto nestes tres anos ningún avance para a creación dunha canle temática nunha plataforma dixital propia, nin acordos para a inclusión nas operadoras de TV dispoñíbeis. TVE, pola súa parte, incumpre descaradamente e sen rubor a lexislación: desde a aprobación da Lei audiovisual emitiu 0 programas infantís ou xuvenís en versión orixinal, dobrada ou lexendada en galego”, acrecentan desde a plataforma en defensa do galego.

Por estes motivos, A Mesa anima a poboación a que siga asinando a iniciativa para presionar os Gobernos galego e español a que cumpran a lexislación.

Comentarios