"Debe hacer la consulta en español" Denuncian un caso de discriminación do galego no Kit Dixital do Goberno estatal

Unha usuaria do Kit Dixital do Goberno español denunciou un caso de discriminación da lingua galega nunha consulta feita a través de correo electrónico.
Resposta que recibiu a usuaria que fixera unha consulta en galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Resposta que recibiu a usuaria que fixera unha consulta en galego (Foto: Nós Diario).

O Goberno español fixo público o seu programa chamado Kit Dixital que, segundo informan desde o Executivo, cuxo obxectivo é “subvencionar a implantación de solucións dixitais dispoñíbeis no mercado para conseguir un avance significativo no nivel de madurez dixital”.

O programa está destinado a pequenas e medianas empresas (Pemes) ou para persoas autónomas e, de acordo coa información gobernamental a entidade ou persoa solicitante poderá “dispor dun bono dixital que permitirá acceder ás solucións de dixitalización”.

Nas últimas horas, creouse polémica sendo que unha usuaria galega deste kit, B. G. C., censurou a discriminación da lingua galega neste programa.

Segundo puido saber Nós Diario, a usuaria fixo unha consulta en lingua galega a través do correo electrónico de soporte da plataforma.

"En español si"

Ante a súa consulta, recibiu unha resposta en lingua castelá na cal se lle indicaba que para poder ser atendida “debe realizar a consulta en español”.

Segundo sinala B. G. C., a consulta “non era para nada complexa” ao tempo que lembra que o kit dixital é “para todo o Estado español. Estamos dentro pemes e axentes dixitalizadores galegos”.

Ademais, a propia páxina web do Kit Dixital ofrece a opción de lingua galega para navegar polo sitio.

Se ben a versión galega da páxina mostra diversas grallas lingüísticas como “Coñece como podes beneficiarche das axudas” ou “axentes digitalizadores”.

Comentarios