A Mesa lamenta que a nova Lei do audiovisual “non recolla a demanda unánime do Parlamento Galego”

A entidade de defensa da lingua anuncia accións con outras plataformas do Estado para mellorar a Lei aprobada hoxe no Parlamento español.

Unha persoa visualiza Netflix no seu teléfono móbil. (Foto: Europa Press)

A Mesa pola Normalización Lingüística lamentou nun comunicado que o acordo acadado no Estado en relación á presenza das linguas oficiais na nova Lei do audiovisual non recolla a petición unánime de "equidade" expresada en diversas ocasións polas forzas políticas galegas e afirmando que "ningún acordo en Madrid sobre o audiovisual será suficiente, se non se chega ao solicitado en maio polo Parlamento galego".

"Fronte ao actual 0,1% de producións en galego nos catálogos das grandes plataformas audiovisuais baixo demanda", recoñece o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "calquera posíbel inclusión do galego nas cotas de emisión, aínda que sexa diluído no conxunto máis amplo das denominadas linguas cooficiais diferentes do castelán, é un avance".

"Porén", matiza, "é preciso lembrar como se foi reducindo desde 1985 (data de creación da CRTVG) a porcentaxe global de contidos de televisión en galego". Pasamos do 33% de 1985, ao 20% de 1992 ao 0,05% de 2021, se temos en conta a irrupción das plataformas que ademais aumentan e actualizan continuamente o seu catálogo.

"Co 6% de cota fixada para galego, éuscaro e catalán", advirte Maceira, "a equidade no tratamento das linguas ficaría moi lonxe e mesmo pode ficar en nada se non garantiren condicións equitativas de acceso ao financiamento, polo momento só garantido para as producións en castelán".

"Existe ademais", explica, "o perigo de pretender encher ese 6% exclusivamente con contidos xa producidos, o que engadido ao anterior, limitaría o acceso á cota fixada a novas producións". "Se non se introducir ningunha modificación que garanta o financiamento anticipado para as linguas diferentes do español a través dos artigos 115, 116 e 117 do Anteproxecto de Lei é a opción máis probábel", conclúe. Outra das reivindicacións da Mesa é a necesidade de incorporar a dobraxe e da lexendaxe en galego, de modo inmediato, ás novas producións.

En maio de 2021, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas. Esta iniciativa xa solicitaba "que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda".

Tamén reclamaba da Corporación de Radio Televisión Española "que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego", nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

Ademais, nas alegacións presentadas pola Mesa ao Anteproxecto de Lei do Audiovisual sinalábase a necesidade de "garantir a recepción mutua entre Galiza e Portugal", segundo o contemplado na Carta Europea das Linguas e o aprobado polo Congreso o febreiro pasado como punto da PNL pola igualdade promovida pola Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado.

Comentarios