Da xeración 'Xabarín' á 'Z', a pegada da perda do galego nas canles xuvenís

A presenza do galego nos medios de comunicación e, nomeadamente, naqueles espazos dirixidos ao público infantil e xuvenil produce unha influencia positiva na conciencia idiomática da audiencia e no espallamento e dignificación da lingua galega. E ao contrario, a ausencia da lingua propia ten unha pegada, neste caso negativa. Son conclusións que se desprenden dun estudo recentemente publicado na Universidade de Vigo e que se elaborou en base a enquisas á integrantes das coñecidas como 'Xeración Xabarín' e 'Xeración Z'.
Estudantes no Campus Sur da USC (Foto: Europa Press).
photo_camera Estudantes no Campus Sur da USC (Foto: Europa Press).

A Xeración Xabarín e a normalización da lingua galega, de Sol Vilas, constata a importancia de que crianzas e mocidade teñan contidos propios en lingua galega. A súa existencia  ou inexistencia ten unha pegada clara a respecto da lingua galega mais non só. Esta investigadora fixo enquisas entre dous grupos. Por unha parte, integrantes da coñecida como 'Xeración Xabarín', conformada por persoas adultas entre os 20 e os 40 anos e que foron consumidoras de programación en galego durante a súa infancia e/ou adolescencia. Por outro, alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria de diferentes institutos da zona de Vigo e que se enmarcan na denominada 'Xeración Z'.

Unha vez contrastados e analizados os resultados de ambas series de enquisas, "evidénciase unha clara diferenza entre os grupos, nomeadamente na utilización da lingua galega e no consumo de medios", indícase no traballo, mais tamén na percepción a respecto do idioma, da demanda da presenza deste ou da súa valorización.

"O primeiro grupo presenta un alto índice de galegofalantes, en contraposición á Xeración Z, conformada por persoas nadas entre 2003 e 2008 e que creceron sen referentes televisivos na nosa lingua", enmárcase.

Actitudes lingüísticas

A respecto das actitudes lingüísticas, indica, hai unha maior concienciación da Xeración Xabarín coa normalización dos medios de comunicación, xa que un 87% está completamente de acordo ou moi de acordo cun posíbel aumento do uso do galego [nos medios], mentres que na Xeración Z é 70%, unha porcentaxe tamén positiva mais 17 puntos inferior.

Competencia

Os resultados do estudo amosan que, "independentemente da lingua inicial e/ou habitual", as persoas que viviron a época do Xabarín Club presentan "un maior nivel de competencia en lingua galega, así coma unha maior conciencia lingüística".

Xa que logo, recomenda, e coa fin de mellorar a situación da lingua galega na mocidade actual, "cómpre mellorar a programación infantil e xuvenil, pois a oferta audiovisual actual é escasa e non responde ás necesidades do público máis novo, que vive nunha sociedade fortemente castelanizada, sobre todo as urbes". Unha conclusión que  coincide coa reivindicación expresada nos últimos anos por diferentes axentes a prol do galego pola necesidade dunha canle infantil e xuvenil en lingua galega.

"O Xabarín Club conformou unha poderosa ferramenta para aproximar as crianzas á lingua galega, que a escoitaban con normalidade por boca das súas personaxes animadas favoritas, o que espertou sentimentos de orgullo pola identidade propia. Sen ser a súa pretensión inicial, o programa exerceu a función de axente normalizador e didáctico mediante un ton irreverente". E iso é o que se propón tamén para as xeracións actuais.

Novos galegofalantes

Así, as persoas enquisadas pertencentes á Xeración Xabarín consideran, en xeral, que aquela programación tivo un forte impacto na normalización da lingua galega.  "80,2% concorda completamente con que o programa favoreceu a galeguización dunha parte da sociedade e só un 0,4% manifesta o seu total desacordo. Ademais, unha porción de 78,8% estima que o Xabarín Club foi un elo fundamental para a difusión da cultura galega". 

A propia autora do traballo apunta que entre aquelas persoas enquisadas que afirman que ao longo destes  anos mudaron de lingua —do castelán para o galego—, 25% "pensa que o programa Xabarín Club supuxo un incentivo neste cambio e 31,6% opina que influíu parcialmente".

Comentarios