O Parlamento Europeo defende a dobraxe e lexendade nas linguas propias, achegas da Iniciativa Xabarín

A Eurocámara votou un informe para a implantación da Directiva europea do audiovisual no que se inclúen algunhas propostas da iniciativa da Mesa para o reforzo de contidos audiovisuais en galego dirixidos aos espectadores máis novos.
Marcos Maceira e Ana Miranda xunto a François Alfonsi e Xosé Lois Ledo en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcos Maceira e Ana Miranda xunto a François Alfonsi e Xosé Lois Ledo en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario).

O Parlamento Europeo expresouse a favor da dobraxe e a lexendaxe en linguas minorizadas, dúas propostas recollidas na Iniciativa Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística co obxectivo de reforzar os contidos audiovisuais en galego dirixidos ao público infantil e xuvenil.

A Eurocámara votou esta terza feira un informe para a implantación da Directiva do audiovisual no que destaca "a importancia de facilitar a accesibilidade (dobraxe, lexendas, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado". 

O mesmo texto lembra que "é fundamental designar, sen demora inxustificada, un punto de contacto en liña facilmente accesíbel e dispoñíbel ao público en todos os Estados membros" ao tempo que lle reclama á Comisión Europea máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística da Unión, tendo en conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.

Igualdade de condicións

O Parlamento Europeo asume esta posición poucos días despois da comparecencia do presidente da Mesa, Marcos Maceira, do vicepresidente de Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Xosé Lois Ledo, e da profesora María Soliña Barreiro, do Grupo de Estudos audiovisuais da USC, no Intergrupo de linguas da Eurocámara, cun enorme interese por parte de deputados e deputadas de todos os grupos e das diversas nacionalidades representadas.

Nun debate impulsado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, Maceira expuxo o pasado 20 de abril en Estrasburgo a relación entre o sector audiovisual e a lingua propia da Galiza, destacando que "só 4% da TDT está en galego". Para o presidente da Mesa, datos como estes indican que "a situación do galego no audiovisual e a propia Lei española do audiovisual vulneran o principio de pluralidade lingüística e cultural contido na directiva europea".

O presidente da Mesa instou o Parlamento europeo a garantir a igualdade de condicións para todas as linguas propias, unha chamada de atención que esta terza feira atendeu acollendo varias propostas da súa Iniciativa Xabarín e cuxas consecuencias valorarán esta cuarta feira en profundidade representantes de entidades galegas relacionadas co sector audiovisual xunto ao propio Marcos Maceira.

Comentarios