"En defensa da toponimia galega e oficial": A Mesa mobilízase contra a deturpación do nome da Toxa

A Mesa pola Normalización Lingüística volveu concentrarse outro ano máis no Grove (comarca do Salnés) en defensa do "idioma, da toponimia e da oficialidade". O Foro A Toxa, cuxos organizadores nomean coa forma deturpada 'La Toja', deu comezo onte na Galiza con convidados como o monarca Felipe VI ou Mariano Raxoi.
Mobilización da Mesa en defensa do topónimo lexítomo da Toxa (Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística).
photo_camera Mobilización da Mesa en defensa do topónimo lexítomo da Toxa (Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística).

O grupo hoteleiro Hotusa, rescatado da quebra en 2021 polo Estado a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) con 251 millóns de euros, organiza con axuda de diñeiro público por quinta vez o seu foro neoliberal na illa da Toxa. Faino, de novo, deturpando o topónimo oficial e usando 'Foro La Toja'. Ante isto, A Mesa pola Normalización Lingüística volveuse mobilizar no concello grovense en defensa do topónimo lexítimo e en lingua galega. "Facémolo por causa dunha nova edición do foro que fai do seu sinal de identidade a deturpación do topónimo da illa", sinalan desde a entidade.

"O uso público e reiterado das formas toponímicas deturpadas non só é demostrativo do interese por eliminar calquera vestixio e mostra da presenza social da lingua propia da Galiza, mesmo sendo unha lingua viva e de amplo uso, senón tamén da impunidade coa que se actúa para contravir o indicado na lexislación a este respecto", engaden desde a entidade en defensa da lingua galega. O lugar en que decorreu a protesta foi o paseo marítimo do Grove, alí as persoas manifestantes reclamaron o uso do "único nome válido e oficial desta illa". 

A este respecto, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou, ao igual que fixo en pasadas ocasións, que "a toponimia é unha evidencia de que existimos, por iso hai tanto interese en eliminala". "Por encima de todo poder económico e político que se concentra neste foro, está a dignidade do pobo galego, que é moita máis da que poidan comprar os asistentes a este acto", acrecentou o presidente da Mesa.

O BNG leva a deturpación ao Congreso

Mais a deturpación do nome da illa non ficou só no Grove, nin sequera na Galiza, xa que o deputado do BNG no Congreso en Madrid, Néstor Rego anunciou onte que rexistrará iniciativas na Cámara Baixa para exixir ao Goberno español que non permita "a deturpación" do topónimo da Toxa."É un evento organizado por empresas privadas, pero tamén está sufragado con diñeiro público.

O Executivo estatal non pode permitir esta ilegalidade e non debe participar nela", reproba nun comunicado. Neste sentido, o deputado nacionalista lembra que o Executivo do Estado e todas as entidades "deben respectar as formas toponímicas lexítimas, correctas e únicas con carácter oficial sempre e en todo lugar".

O Foro

O foro foi inaugurado na tarde de onte por Amancio López, presidente do grupo Hotusa, cuxa intervención foi seguida pola de Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza. O seguinte en intervir foi o actual xefe de Estado español, o rei Felipe VI que, paradoxalmente, comparte comarca estes días co seu pai, o rei emérito, Juan Carlos I, que se encontra na localidade de Sanxenxo para participar nunha regata. Sobre isto, o propio emérito manifestou que "espera poder ver" o seu fillo estes días.

Comentarios