Entrevista

Craig Willis, especialista en linguas minorizadas: "Os medios son un piar para normalizar as linguas"

Craig Willis, (Illa de Wight, Reino Unido, 1989) é investigador no European Centre for Minority Issues, especialista en medios de comunicación en linguas minorizadas. Vén de estar na Galiza para analizar canda outros investigadores o papel do galego e doutros idiomas minorizados no ámbito dos medios de comunicación.
Craig Willis é investigador en linguas minorizadas. (Foto: Arxina).
photo_camera Craig Willis é investigador en linguas minorizadas. (Foto: Arxina)

—Que lugar ocupan as linguas minorizadas no ámbito dos medios de comunicación?
Os medios de comunicación nunha lingua minorizada actúan na súa maior parte no mesmo ámbito que os medios en lingua maioritaria e adoitan enfrontarse a retos similares. No entanto, desde unha perspectiva académica e activista, os medios de comunicación en linguas minorizadas teñen un cometido a maiores: a revitalización ou o mantemento dunha lingua. Ademais, normalmente hai menos medios que operan nunha lingua minorizada, polo que a súa supervivencia é fundamental para que os falantes teñan medios na súa lingua materna. 

—Son chave no proceso de transmisión do idioma?
Sen dúbida, os medios de comunicación constitúen un piar importante da normalización lingüística. Poden proporcionar un sinal visíbel da lingua na sociedade e axudar a mellorar o seu status e prestixio. Malia que os vínculos entre o consumo de medios e a motivación para aprender unha lingua sexan menos claros, é obvio que os medios proporcionan unha ferramenta educativa para as persoas aprendices e anchean o vocabulario e os contextos das falantes.  

—Cal está a ser o impacto das televisións en linguas minorizadas no seu proceso de normalización? Vostede realizou un estudo comparativo dos casos galego, galés e escocés. 
Tras a miña investigación parece evidente que a introdución da radiotelevisión pública nunha lingua minorizada axudou sen dúbida a modernizar a imaxe da lingua, demostrando a súa utilidade en moitos temas diferentes. 

—Están as televisións nacionais a deter o retroceso que experimentan esas linguas?
Non creo que a televisión poida deter a perda de falantes. É un problema demográfico que require crear novos falantes a través do ensino. Non obstante, os medios de comunicación poden fornecer razóns para usar a lingua e mellorar o coñecemento creando contidos atractivos de referencia para a comunidade. Para iso, é importante que os medios en lingua minoritaria estean dispoñíbeis en todos os formatos e xéneros.

—Que análise fai da presenza da lingua galega nos medios?
A literatura académica sinalou a necesidade de "plenitude institucional e funcional" dentro dun ámbito lingüístico, polo que para a plena vitalidade da lingua cómpre contar con todo tipo de medios de comunicación. Isto inclúe a prensa escrita, na que a pluralidade de opcións para o consumidor sempre é positiva: unha comunidade lingüística non debería ter que depender dun único medio de comunicación.

—A dixitalización terzou nesa relación, mais traballa a favor ou en contra das linguas minorizadas?
A dixitalización alterou claramente o modelo de prensa escrita do século XX, provocou máis competencia e tensionou as finanzas. Aínda que a audiencia dos xornais impresos pode estar a se reducir, non é inexistente. Ademais, os xornais en linguas minoritarias deben asegurarse, tamén, de ter unha forte presenza en liña, mesmo a través de canles que poidan chegar ao público máis novo. Por exemplo, resumir artigos a través de publicacións en Instagram ou en TikTok.

—A irrupción da tecnoloxía obrigou a mudar de estratexia para chegar a novos públicos.
Abofé que si, mais non é algo novo. Os hábitos do público foron cambiando durante máis dunha década e os medios tradicionais responderon a diferentes ritmos. Dirixirse a persoas non falantes non é unha estratexia nova, senón que as tecnoloxías avanzadas están ampliando as opcións de tradución automática e transcrición, contribuíndo a reducir o tempo e o custo de proporcionar versións traducidas ou subtítulos, por exemplo. 

Fronte á ameaza da mercantilización

A lei, asegura Craig Willis, xoga un papel substancial e "pode decretar a presenza dunha lingua minorizada no ámbito mediático", como demostran os estatutos que crearon a radiodifusión vasca, catalá e galega nos anos 80. "Porén, na actualidade parece que a lei non se está a adaptar ben aos retos actuais como a existencia de plataformas de streaming e a falta de contidos en linguas minorizadas que presentan", polo que chama a impulsar un novo modelo de medios públicos, tamén a través dunha "lexislación actualizada".

Neste sentido, Willis destaca o papel das institucións públicas. "Os medios en linguas minorizadas sempre se enfrontarán a unha presión financeira máis forte do que os das linguas globalizadas como o inglés e o español, que teñen maior audiencia potencial", conclúe.

Comentarios