Día da Lingua Materna

O ensino, a familia e a contorna son chaves para garantir a continuidade do galego

25% das mozas e mozos menores de 15 anos na Galiza recoñecen ser incapaces de falar en galego. “A situación é crítica”, alerta o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en declaracións  'Nós Diario' con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, data que se conmemora esta terza feira.
Alumnado do colexio público Barouta de Ames (Foto: Arxina):
photo_camera Alumnado do colexio público Barouta de Ames. (Foto: Arxina)

“Nós preferimos empregar o concepto de lingua propia, pois é máis amplo e reflicte mellor a realidade”, explica Marcos Maceira. “A lingua propia é aquela que pertence a unha comunidade, un país ou un pobo, e na que [este] se debería poder desenvolver”. Ao respecto desta explicación, o presidente da Mesa sinala a Nós Diario que o galego vive unha situación difícil, xa que “todos os estudos mostran unha perda de uso social en calquera ámbito”.

Segundo os últimos datos do Censo de 2021 —publicados polo INE en decembro de 2022—, só 16% dos menores de 20 anos tiveron o galego como lingua inicial, fronte ao 59% que tivo o castelán. Se ben Maceira aconsella “coller estes datos con pinzas”, recoñece que “é certo que a presenza do galego na poboación infantil e moza é cada vez menor”. “Estamos chegando a uns índices de analfabetismo a todos os niveis como nunca antes”, o que mostra unha “emerxencia lingüística”, alerta.

Esta situación, explica, débese, entre outros factores, “ás políticas [da Xunta] que non só non promoven a presenza da lingua galega en todos os espazos, senón que fan xustamente o contrario”. Nese sentido, Maceira critica que diversas campañas do Goberno galego estean deseñadas integramente en castelán, pois “a exclusión do galego nestes espazos provoca o retroceso do uso social da lingua galega”.

Outro dos elementos que están a provocar este retroceso como lingua materna é o ensino. “Aínda que poida haber máis pais e nais que educan as crianzas en galego, na educación hai unha exclusión da lingua aberrante; un neno ou nena pode pasar toda a etapa educativa sen coñecer unha palabra de galego”, critica Maceira. Así, engade, o traballo das familias non vai acompañado dos outros espazos. 

Pola súa parte, o catedrático de Filoloxía Galega e vicesecretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, sostén a este xornal que, entre os problemas aos que se enfronta o galego para a súa vitalidade de cara ao futuro “está a transmisión interxeracional”.

Cómpre que as familias “poidan transmitir a súa lingua sen sentir a presión ou a necesidade dun cambio ao idioma dominante” e tamén “que as crianzas poidan desenvolver a súa lingua nai de forma plena e libre nunhas condicións garantidas ao longo da súa vida, primeiro no aspecto educativo e despois no laboral e social”. 

O ensino e a contorna

Monteagudo sinala que desde a RAG están a traballar especialmente no seminario de sociolingüística do sector da infancia. “Recentemente publicamos un par de informes, un sobre o mapa sociolingüístico escolar do concello de Ames e outro sobre prácticas lingüísticas na infancia”.

Estes estudos, engade, non están enfocados de cara a facilitar as condicións para que as crianzas galegofalantes conserven o galego ao incorporarse ao sistema educativo, senón que poñen o foco na contorna, pois “o comportamento das familias está condicionado pola percepción que teñen da situación social da lingua”.

Activar o galego

Precisamente, a RAG vén de presentar en colaboración co Concello de Ames o proxecto 'Modo galego, actívao!', que  "busca frear o abandono da lingua". Esta iniciativa está dirixida ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de primaria que cursan os seu estudos nos sete centros educativos do municipio de Ames. “Decatámonos que o uso da lingua fóra da aula é tan ou máis importante que pór o foco no galego [nas escolas]”, sinala Monteagudo. 

Enmarcado neste proxecto, o catedrático adianta que o día 27 deste mes presentarán unha acción relevante que consistirá en tres semanas de inmersión no galego e na que participarán todos os centros de infantil e primaria do concello de Ames.

“Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares", dixo na presentación de 'Modo galego, actívao!’ a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín. "Colaboramos con todas as intervencións que se leven a cabo para reverter a situación da lingua entre a poboación máis nova".

Comentarios