Entidades en defensa do galego, o euskera e o catalán homenaxearán Castelao e Rosalía en Compostela

O acto, organizado pola Mesa, decorrerá no Panteón de Galegos Ilustres o domingo 22 de xaneiro.
Alfonso Daniel R. Castelao e Rosalía de Castro. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Daniel R. Castelao e Rosalía de Castro. (Fotos: Nós Diario)

Entidades sociais en defensa do galego, o euskera e o catalán participarán o vindeiro domingo 22 de xaneiro nun acto de homenaxe ás figuras de Castelao e Rosalía de Castro en Santiago de Compostela.

O evento, que decorrerá no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval —onde repousan os restos de ambos os autores—, está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, que convidou as entidades Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria) e Plataforma per la Llengua (Catalunya).

As organizacións pretenden enxalzar "o valor referencial que teñen Rosalía e Castelao, cada un no seu tempo, na reivindicación da normalización da lingua galega e, por extensión, de todas as linguas propias dos seus países, cun legado que permanece vivo na actualidade a través do activismo".

Por iso elixiron o día 22 para este acto, por tratarse dunha data que ten lugar ás portas do 29 de xaneiro, día do nacemento en 1886 de Castelao, e do 23 de febreiro, no que se cumprirán 186 anos do de Rosalía.

Aliás, lembra nun comunicado A Mesa, en 2023 celébrase o centenario do primeiro 'Galeusca', nome que reciben os pactos subscritos entre entidades da Galiza, Euskadi e Catalunya, polo que apelan a continuar estreitando lazos.

Neste senso, desde a entidade pola normalización do galego exemplifican algúns dos fitos dos últimos anos nas accións a respecto da Lei audiovisual, iniciativas no Congreso ou pola defensa dos dereitos lingüísticos conxuntamente con outras entidades doutros territorios do Estado.

Comentarios