Homenaxean a Castelao en Compostela no 73º aniversario do seu pasamento

A Fundación Castelao realizou este sábado a tradicional ofrenda floral no Panteón da Galiza, en Compostela, nun acto seguido por un cento de persoas.

Miguel Anxo Seixs (á esquerda) nun momento da homenaxe (Foto: Nós Diario).
photo_camera Miguel Anxo Seixas (á esquerda) nun momento da homenaxe xunto á comisión executiva e ao equipo técnico (Foto: Nós Diario).

No 73º aniversario do pasamento de Castelao, a fundación que leva o seu nome volveu un ano máis este sábado ao Panteón da Galiza, en Compostela, para homenaxealo.

O acto, que comezou ao redor das 12 horas, contou cun programa cultural no que non faltou a música e a gastronomía. Diante dun cento de persoas, membros da Fundación Castelao, da comisión executiva e do equipo técnico da homenaxe deron a benvida e presentaron as intervencións que comezaron coa actuación da cantante Faia, continuaron coa ofrenda floral e remataron co interpretación do Himno galego.

O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, lembra a Nós Diario que a homenaxe ao político, escritor e artista rianxeiro “xa se facía desde os anos 50 na Arxentina e cando viñeron os seus restos aquí nos 80 a Fundación e outras entidades comezaron a realizalas na Galiza”. Para o responsábel da entidade é “unha continuidade máis” nestes 73 anos con “34 actos realizados na Arxentina e 39 na Galiza”.

A intención do acto é, para Seixas, que teña a característica de ser “cívico e aberto” para que a súa figura “chegue á cidadanía”. Como novidade, este ano agasallouse á xente que se achegou ao Panteón da Galiza cunha obra gráfica de Pepe Barro, realizada para a ocasión, e un caldo.

Como noutras ocasións, desde a Fundación Castelao fixeron con antelación un convite aberto a “todas as forzas parlamentarias, todas as institucións galegas e a todas as persoas” por crer que “Castelao une, non divide”.

Divulgación e investigación

A Fundación Castelao aprobou o ano pasado uns estatutos actualizados e creouse unha comisión executiva, presidida por Seixas, que segundo afirma “seguirá co seu labor de investigación e divulgación, ademais de continuar certificando obras e catalogando”.

Porén, a idea é continuar lembrando “a través das datas máis simbólicas relacionadas con Castelao, a súa figura”. Por este motivo, ademais do acto deste sábado, recordarán a data do seu nacemento (29 de xaneiro), “os 75 anos do seu comentario ao Estatuto de Autonomía e 75 anos da lectura do Alba de gloria en Bos Aires”.

A Fundación estará presente este ano nos actos do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, en Pontevedra e Poio, ademais de recordar ao Seminario de Estudos Galegos.

Na súa teima por difundir a vida e obra de Castelao, outra das actividades que continuarán este 2023 serán “os obradoiros para rapazas e rapaces” e “buscar os espazos que habitou para darlle relevancia coa participación con murais e actividades de artistas”.

O futuro do Panteón da Galiza

En relación ao Panteón dos galegos ilustres ou Panteón da Galiza, o presidente da Fundación agarda que, xunto ás entidades que representan ao resto de figuras que acolle, “ser convocados polo Parlamento galego para ver a maneira de darlle máis relevancia ao Panteón”.

Seixas opina que o ideal é que “o Panteón teña os seus propios estatutos e o seu propio regulamento” e estabelecer “unha norma para que se goberne”.

   

Comentarios