A asociación 'Hablamos español' critica duramente que Pedro Puy poida suceder Feixoo na Xunta por falar en galego

Non é a primeira vez que a asociación que preside Gloria Lago denuncia a Xunta polo "maltrato ao español" e a promoción do galego, pese a que baixo o goberno de Feixoo estanse a dar os peores datos de falantes de galego nos últimos corenta anos.
Pedro Puy, portavoz parlamentario do PPdeG, na oficina do grupo no Hórreo. (Foto: Arxina)
photo_camera Pedro Puy, portavoz parlamentario do PPdeG, na oficina do grupo no Hórreo. (Foto: Arxina)

A asociación 'Hablamos español', de corte españolista e vencellada con Vox, criticou duramente no día de onte que o portavoz do Partido Popular (PP) no Parlamento galego, Pedro Puy, poida suceder o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, á fronte dos populares galegos. 

Na súa conta de Twitter, a polémica plataforma afirmou temer que "Feixoo designe Pedro Puy como o seu sucesor na Galiza", e asegurou que levan "semanas cruzando os dedos" para que iso non suceda.

Segundo 'Hablamos español', "é difícil atopar no PP un non nacionalista (galego), pero Puy é especialmente favorábel á imposición lingüística". En resposta ao chío, foron varios os usuarios da rede social que criticaron a postura españolista defendida pola plataforma.

Non é a primeira vez que a asociación que preside Gloria Lago denuncia a Xunta polo "maltrato ao español" e a promoción do galego, pese a que baixo o goberno de Feixoo estanse a dar os peores datos de falantes de galego nos últimos corenta anos.

Sucesión de Feixoo 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "a partir desta semana" empezarase "a falar" dos cambios que se poidan producir no Goberno galego derivados de futura marcha do presidente, Alberto Núñez Feixoo, a Madrid despois de ser elixido líder do PP.

A preguntas do colectivo de xornalistas que o acompañou nun acto no concello do Pino, na comarca de Arzúa, sobre a data na que se prevé que Núñez Feixoo deixe a Presidencia da Xunta e sobre a súa posíbel substitución, Rueda sinalou que se está a cumprir "exactamente o que dixemos que ía suceder, que até esta fin de semana, que foi o congreso en Sevilla, había que ver como quedaba o partido e a nova directiva e que, a partir desta semana, empezaremos a falar dos cambios que se poidan producir".

Todo iso, indicou, "sen deixar en ningún momento de xestionar, que é o que lle interesa á xente de verdade, xestionar os asuntos públicos desde o Goberno da Xunta".

Comentarios