Feixoo quer membros do seu Goberno na directiva do PP español

Membros do Goberno galego farán parte da nova dirección do PP español que saia elixida hoxe e mañá do Congreso de Sevilla onde se designará Alberto Núñez Feixoo como novo presidente. Isto é o que deu a entender onte o propio Feixoo, ao manifestar que el considera que "si que debería de haber" representantes do Executivo galego en postos da directiva que sexan "compatíbeis" con seguir na Xunta. 
Alberto Núñez Feixoo formalizou esta cuarta feira a súa campaña para presidir o PP, baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo formalizou a súa campaña para presidir o PP baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).

"Creo que si debe haber membros do Goberno galego que poidan asumir responsabilidades no PP nacional porque os coñezo moi ben e poden achegar moito á política nacional", dixo onte Alberto Núñez Feixoo na rolda de prensa após o Consello da Xunta. Eses membros do Executivo galego, aclarou, ocuparían aquelas responsabilidades da dirección do PP español que permitisen"compatibilizar" con seguir no Goberno galego, como son, citou, as Secretarías Executivas.

Núñez Feixoo evitou dar nomes, mais no seu Goberno hai conselleiros que están moi ligados á súa figura e que mesmo o acompañaron como asesores desde os seus inicios á fronte da Xunta da Galiza, como o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde. A preguntas dos xornalistas, o aínda presidente galego evitou pronunciarse a favor de que o seu sucesor á fronte do PP galego —os estatutos do partido marcan que o candidato á Xunta ten que ser o presidente do PP—, sexa eleito nun congreso, tal e como demandan algúns sectores. 

Tamén evitou adiantar nomes sobre quen serán seus compañeiros e compañeiras na ponte de mando do PP español, se ben mentres se estaba a desenvolver o Consello da Xunta, a conta oficial de Núñez Feixoo en twitter informaba que Cuca Gamarra era a persoa elixida para ser a nova secretaria xeral do Partido Popular español

A respecto da súa sucesión á fronte da Xunta, indicou que esta empezará para a semana, se ben se prolongará un tempo. "A partir da presidencia do PP español", dixo, "empeza a quenda de cambio na presidencia da Galiza". Remitiu aos estatutos do partido para o proceso de elección do presidente  do PP e dixo que el non era partidario de nomear "por dedazo".

Medidas sen aprobar

Hai dúas semanas o presidente da Xunta anunciaba un paquete de medidas destinadas a paliar a crise de prezos e o seu impacto. Onte, 14 días despois, o Consello da Xunta anunciaba que se daba "luz verde" a unha delas, o bono social térmico. Até onte, as medidas anunciadas por Feixoo para combater a crise non se publicaran no Diario Oficial da Galiza (DOG), polo que non se activaron. Iso non impediu ao presidente cargar onte mesmo contra o plan de choque aprobado polo Goberno español. "Deberíao facer antes e mellor", sinalou, criticando que "ese plan nace sen diálogo"; e atacar o Executivo de Pedro Sánchez por ter "o gasto de Goberno máis caro da historia".

Montes

O Consello da Xunta aprobou a consulta previa para poñer en marcha a nova lei de montes en man común, figura que ocupa 22% da superficie da Galiza. "Hai que regular eses montes de forma realista", afirmou Feixoo a respecto dunha lei da que desconfían os comuneiros por, dixeron, "privatizadora".

O presidente sobre Eulen: "É curioso que volva saír agora"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pronunciouse após o Consello da Xunta de onte e a preguntas de Nós Diario sobre o veto do PP a que o Consello de Contas audite os contratos da Xunta con Eulen desde 2009, compañía da que é directiva a súa irmá. A Xunta, desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia en 2009, formalizou con Eulen contratos por contía de 37 millóns de euros.

Feixoo considera "curioso" que sexa agora "cando hai un Congreso do PP esta fin de semana" que "volvamos estar a falar disto", en referencia a Eulen. "Preocupación cero", dixo Núñez Feixoo, que indicou que todos os contratos públicos da Xunta están publicados no Portal de Transparencia, polo que non hai "escurantismo" ningún.

O BNG rexistrou onte unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir "explicacións urxentes" ao Goberno galego polos "numerosos e cuantiosos" contratos adxudicados a Eulen. A formación nacionalista reclama, por unha banda toda a información relativa aos expedientes de contratación nos que resultou adxudicataria a compañía desde 2009 e, por outra, unha auditoría técnico-xurídica, "externa e independente, sobre o procedemento e os criterios técnicos seguidos nos contratos públicos outorgados". 

Comentarios