‘Hablamos español’ reúne 30.000 sinaturas nun día en Madrid contra a “imposición” de galego, catalán e euskera

Queren reunir medio millón de firmas para unha ILP que blinde o ensino do español en todo o Estado. Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, é tamén presidenta de Hablamos Español. “En Galiza apróbanse normas que eliminan o español de materias clave".

Integrantes de Hablamos español xunto con membros de Vox. (Foto: Hablamos español)
photo_camera Imaxe: VOX

Trinta mil sinaturas reunidas en apenas unha xornada e en Madrid para ‘blindar’ o español no ensino e nas institucións públicas en todo o Estado e contra a ‘imposición’ de galego, catalán e euskera. A plataforma Hablamos Español, que preside Gloria Lago (Galicia Bilingüe) iniciou a pasada sexta feira unha recollida de firmas para levar ao Congreso español unha iniciativa lexislativa popular (ILP) con ese obxectivo. Según afirma, reuniu 30.000 sinaturas na xornada de inicio da campaña.

“Os españois cada vez están máis concienciados do problema lingüístico que existe en moitas comunidades”, afirmou Gloria Lago, que asegurou que a recollida de sinaturas vai estenderse por todo o Estado español. A seguinte parada após Madrid é Barcelona.

Ademais desas 30.000 sinaturas que Hablemos Español afirma que reuniu en Madrid nun único día (o pasado 8 de decembro, entre as 10:00 e as 22:00 horas), tamén logrou, aseguran, que 516 persoas se fixesen “fedatarias” para recoller sinaturas por todo o Estado español.

“En Cataluña xa non se pode estudar ningunha asignatura en español. En País Vasco entorpécese a elección na nosa lingua. En Baleares, Galiza ou Valencia apróbanse normas que eliminan (o español) de materias clave, disfrazando esta imposición baixo nomes como ‘plurilingüismo’”, afirman desde a plataforma.

Formacións como Vox ou UPyD colgaron nas súas contas nas redes sociais imaxes de representantes destas formacións asinando a proposta.

Comentarios