Feixoo, que recortou a presenza do galego no ensino, defende a "harmonía entre linguas"

Tras unha década de vixencia do coñecido como "decreto do plurilingüismo", boa parte do alumnado, segundo os últimos informes, remata a Secundaria con "escasa competencia" en lingua galega.
Alberto Núñez Feixoo posando coa presidenta do PP balear, Marga Prohens, nun acto decorrido en Palma esta segunda feira (Foto: Isaac Buj / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo posando coa presidenta do PP balear, Marga Prohens, nun acto decorrido en Palma esta segunda feira (Foto: Isaac Buj / Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza e candidato único á Presidencia do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, defendeu esta segunda feira un PP "autonomista" que "protexa a diversidade de España e o conxunto de linguas do país".

Nun acto con simpatizantes e militantes da formación conservadora no Hipotels Convention Centre, en Palma de Mallorca, Feixoo reclamou que o modelo educativo que se implante nas comunidades autónomas estea "en harmonía entre as linguas".

Acompañado da presidenta do PP balear, Marga Prohens, o presidente galego debullou o seu programa para liderar o PP e repasou o seu labor á fronte da Xunta. "Imos unir España", expresou Feixoo, quen ofreceu "unha alternativa sólida, forte e seria" fronte ao Goberno estatal. "Un galego vén ben, facédeme caso", chanceou Feixoo ante os simpatizantes do PP, á vez que asegurou que pretende "ser un servidor do PP".

Porén, a pesar de defender ante os medios unha "harmonía entre as linguas", cómpre lembrar que o aínda presidente da Xunta impulsou en maio de 2010 o Decreto 79/2010 "para o plurilingüismo no ensino non universitario da Galiza", unha nova norma que xustificaba a supresión da anterior da seguinte forma alegando que esta se orientara "cara á obtención dunha competencia adecuada en lingua galega sen o estabelecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias en lingua castelá".

O novo decreto abría a porta a que o alumnado se expresase, "nas manifestacións oral e escrita", en castelán nas materias impartidas en galego —agás na propia materia de Lingua Galega e Literatura—. Tamén dispuña que cada centro educativo, previa consulta ás nais, pais ou titores legais, podería determinar a lingua vehicular de todas as materias —agás as de idiomas—. Porén, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza tombou ambas as disposicións ao considerar que eran contrarias á Lei de Normalización Lingüística de 1983.

O resultado máis dunha década despois, tal e como evidenciou o pasado ano un estudo da Real Academia Galega (RAG), é que un de cada tres alumnos castelanfalantes remata a ESO con "escasa competencia" en galego, algo que non sucede no caso inverso.

Campaña de Feixoo

Feixoo está a facer unha xira por todas as comunidades antes do Congreso extraordinario do PP que terá lugar os días 1 e 2 de abril en Sevilla. Unha cita que, segundo o presidente galego, ha de servir para "unir o partido e abrilo á sociedade e a todos aos que non lles gusta o que está a pasar en Balears ou o que está a pasar no conxunto de España".

A pesar de ser candidato único, Feixoo considerou que debía "dar o callo" e conseguir apoios en todos os territorios do Estado español: "Se non unimos o partido, mal podemos pedir a unión dos cidadáns", dixo.

Ao seu xuízo, un congreso "é o grande instante do partido, o momento de atoparse, de escoitar, de preguntar, de falar e responder". Tamén recoñeceu que será "un punto inevitábel de tensión", aínda que "a tensión é boa".

Comentarios