"Un compromiso incuestionábel coa Galiza": Margarita Ledo recibe o premio Porteiro Garea

O premio Luís Porteiro Garea leva o nome do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade da que se ten constancia. Este premio recíbeo este ano por primeira vez na historia unha muller.
Margarita Ledo sostén o premio Porteiro Garea esta sexta feira (Foto: Arxina).
photo_camera Margarita Ledo sostén o premio Porteiro Garea esta sexta feira (Foto: Arxina).

A profesora emérita da USC e académica Margarita Ledo Andión recolleu este venres o VI Premio Luís Porteiro Garea polo seu "incuestionábel compromiso coa lingua e a literatura galega" na Universidade de Santiago de Compostela.

O acto de entrega celebrouse no Paraninfo da Universidade, onde o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, destacou o currículo "tan extenso e intenso na súa especialidade" de Ledo Andión.

Ademais, Freixanes puxo en valor o papel de Margarita Ledo como unha muller "das que fai historia e constrúe historia, que non ten volta a atrás, entre outras cousas, grazas ao valor, á 'afouteza' e ao exemplo contaxioso de persoas como ela".

Tras o discurso do presidente da RAG, procedeuse á entrega do premio á galardoada, que iniciou a súa intervención con palabras de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024.

Primeira muller

Así comezou o seu discurso a primeira muller en recoller este premio Porteiro Garea, que lembrou tamén os inicios do seu vínculo coa lingua galega. "Digo sempre que a lingua foi o modo-punki de rebelarme, anos de estudante de xornalismo en Barcelona, 1969 en diante, co que tiña máis a man: escribir poemas, para facelo en galego", explicou.

Para finalizar, Margarita Ledo recitou ante os presentes o poema 'En Pé', de Ramón Cabanillas, dedicado, precisamente, a Luís Porteiro Garea: "E nunha man a fouce e noutra man a oliva, arredor da bandeira azul e branca, arredor da bandeira da Galiza, cantemos o dereito á libre nova vida!".

Pola súa parte, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, definiu Margarita Ledo como "poeta, académica, directora de cinema ou docente", así como a persoa que vemos en "actividades culturais, directora de Nación" ou "a defensora dos dereitos do audiovisual e do cinema en galego".

"Santiago non sería o mesmo sen Margarita Ledo e o compromiso coa lingua non sería o mesmo sen Margarita Ledo", enunciou a rexedora compostelá.

Antes de que o acto concluíse co 'Gaudeamus igitur', tomou a palabra o reitor, Antonio López, que sinalou que este premio "segue sendo necesario" porque é "a mínima xustiza" que se pode facer para "recoñecer traxectorias de quen estivo comprometida coa lingua e a cultura, mesmo nos momentos en que non era gratis comprometerse coa lingua e a cultura".

O premio

O premio Luís Porteiro Garea leva o nome do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade da que se ten constancia.

Con este premio, a USC quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da institución (alumnado, persoal de administración e servizos ou persoal docente e investigador), que contribuísen á normalización da lingua galega no ámbito da institución.

A través deste galardón, o nome de Margarita Ledo únese ao de figuras tan destacadas na defensa do idioma desde diversas áreas de coñecemento, como é o caso dos profesores Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro e Xosé Manuel Beiras.

Traxectoria

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) estudou xornalismo na Escola Oficial de Xornalismo de Barcelona entre 1969 e 1973. Durante os anos 1974 a 1976 foi lectora de galego na Universidade de Letras do Porto. Doutorouse en Ciencias da Información na Universitat Autónoma de Barcelona (UAB) en 1986 e foi profesora da Facultade de Ciencias da Información da UAB de 1983 a 1991. Estivo exiliada en Portugal durante os últimos anos de vida do ditador Francisco Franco.

Xa de volta no país, puxo en marcha a actual Facultade de Ciencias da Comunicación, da que foi a súa primeira decana no período de 1992 a 1996.

Como xornalista, fundou e dirixiu A Nosa Terra. Foi tamén a artífice da revista Escrita, da Asociación de Escritores en Lingua Galega; da revista galega feminista Festa da palabra silenciada e da publicación Europa de lles nacions, do Moviment Nacionalitari Europeu.

Poesía, relatos, novela, ou ensaio integran tamén a traxectoria interdisciplinaria de Ledo, que nas últimas décadas dedica gran parte da súa actividade á dirección cinematográfica pola que foi galardoada con múltiples premios como o Nacional de Cinema e audiovisual, correspondente aos Premios Nacionais da Cultura Galega, outorgados pola Xunta da Galiza (2008); ou o Otero Pedraio (2017) polo conxunto da súa dilatada traxectoria, converténdose novamente na primeira muller galardoada desde os inicios do premio en 1977.

O mesmo aconteceu en 2020, cando a Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) lle rendeu tributo converténdoa na primeira muller, de ámbito estatal, en recibir o recoñecemento a toda unha vida de investigación en comunicación. Desde o ano 2008 tamén forma parte da Real Academia Galega.

Comentarios