Margarita Ledo recibirá o premio de honra Fernando Rey da XX edición dos Mestre Mateo

O sector audiovisual galego pasa por unha "pequena idade de ouro".
A cineasta Margarita Ledo (Foto: Mario Llorca)
photo_camera A cineasta Margarita Ledo (Foto: Mario Llorca)

A xornalista, directora, poeta e catedrática Margarita Ledo Andión recibirá o premio de honra Fernando Rey da XX edicións dos Mestre Mateo, que este ano terán lugar o vindeiro 19 de marzo no Teatro Colón da Coruña.

O galardón recoñécea como "figura de referencia no eixo da cultura" galega, segundo sinalou o presidente da Academia Galega do Audiovisual(AGA), Álvaro Pérez, quen tamén destacou o seu papel á hora de impulsar a sala de cine independente Numax de Santiago de Compostela, a través do grupo de estudos audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O presidente da AGA tamén destacou o seu traballo á hora de "recuperar voces e historias" da historia recente da Galiza desde "unha posición independente e e reivindicativa" e o seu compromiso co feminismo e o galego.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de dar a coñecer a escolla, e referiuse a Margarita Ledo como "tremendamente merecedora" do premio.

"Pequena idade de ouro"

Para a Academia Galega do Audiovisual, o sector está a vivir unha "pequena idade de ouro" que está a consolidar o crecemento do sector audiovisual a nivel cultural e industrial.

Álvaro Pérez asegurou que o audiovisual galego pode "mirar aos ollos" a calquera outro polo cultural europeo.

Asemade, destacou que os contidos galegos "están a percorrer mundo", grazas ao recoñecemento dos galardóns intenacionais e ao auxe das plataformas de 'streaming'.

Comentarios