Reclaman a retirada de 124 símbolos franquistas nun total de once concellos

Ferrolterra, Eume e Ortegal aínda contan con pegadas do franquismo. No Museo Naval de Ferrol existen até 16 exemplos de simboloxía franquista: "É un museo de exaltación do franquismo cuns textos propios da ditadura", censura Manuel Monge.
O Museo Naval de Ferrol conta cunha maqueta do buque 'Canarias', ao servizo das tropas franquistas na guerra mais sen aludir en ningún momento a iso.
photo_camera O Museo Naval de Ferrol conta cunha maqueta do buque 'Canarias', ao servizo das tropas franquistas na guerra mais sen aludir en ningún momento a iso.

O sociólogo e activista pola memoria Manuel Monge presentou no rexistro da Subdelegación do Goberno español da Coruña un escrito no cal solicita a retirada de até 124 símbolos franquistas situados en concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Segundo informou, o documento elaborouno "como sociólogo e vítima do franquismo" e vai dirixido ao catálogo de elementos contrario á memoria democrática que está a preparar o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

Segundo a Lei de Memoria Democrática, poden incluírse entre os citados elementos "aqueles que se soliciten polas vítimas, os seus familiares ou as entidades memorialistas, en defensa do seu dereito á honra e á dignidade, ou resulten de estudos e traballos de investigación".

Monge especifica que estes 124 elementos "contrarios á memoria democrática" repártense en 11 concellos. En concreto, 65 dos símbolos franquistas atópanse en Ferrol, 14 en Ares, catro en Cariño e tres en Fene. Así mesmo, en Mañón hai dous, oito están en Mugardos, sete en Narón, dous deles en Neda, dez en Ortigueira, Pontedeume posúe oito e San Sadurniño, un.

Entre os exemplos que Monge indica no seu escrito figuran 24 honras e distincións, medallas de ouro e prata e retratos. Para alén diso, salienta que aínda existen, polo menos, 19 esculturas, placas e escudos franquistas nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, así como cinco nomes de rúas dedicadas a franquista.

Ademais, asegura que no Museo Naval de Ferrol existen até 16 exemplos de simboloxía franquista como bandeiras, medallas e maquetas de embarcacións. "En todo o Museo Naval non hai unha soa referencia a que, como sinala o artigo 1.3 da Lei de Memoria Democrática, o 18 de xullo de 1936 houbo un 'golpe militar', que deu lugar a un réxime 'ilegal'", censura Monge.

"É un museo de exaltación do franquismo cuns textos propios da ditadura. O golpe de Estado de 1936 é presentado como un 'alzamiento' e unha 'guerra de liberación'. Fai un auténtico recoñecemento e exaltación de significados militares golpistas –con exhibición de medallas e distincións, como Salvador Moreno Fernández, Francisco Moreno Fernández e Francisco Núñez Rodríguez– ou propagandistas do franquismo como Juan Antonio Chicharro Ortega, incumprindo claramente a Lei de Memoria Democrática", engade o sociólogo.

Centos de símbolos aínda presentes

Na actualidade máis de 650 símbolos e distincións franquistas fican aínda presentes na Galiza, segundo a conta que Manuel Monge publicou no libro Os restos do franquismo na Galiza. Unha simboloxía presente nunha disparidade de maneiras, desde o escudo franquista da fachada da Audiencia Provincial de Pontevedra a nomes de rúas —só en Beariz hai catro rúas e prazas dedicadas a personalidades do franquismo—, pasando polo xugo e as frechas presentes nun dos botafumeiros da Catedral de Compostela.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios