A Semana de Cine de Lugo homenaxea Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana

A cita, que se vén celebrando anualmente desde 1979, terá lugar entre o 19 e o 24 de setembro de 2022. 
Maite Ferreiro (no centro) concelleira de Cultura de Lugo esta sexta feira (Foto: Concello de Lugo).
photo_camera Maite Ferreiro (no centro) concelleira de Cultura de Lugo esta sexta feira (Foto: Concello de Lugo).

A 44 edición da Semana de Cine  de Lugo foi presentada esta sexta feira da man da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Goberno municipal de Lugo, Maite Ferreiro que estivo acompañada do presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz.

No acto estiveron tamén presentes Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da Xunta da Galiza e da USC, e integrantes do Comité Organizador da Semana. A cita, que se vén celebrando anualmente desde 1979, terá lugar entre o 19 e o 24 de setembro de 2022. 

Apoio institucional

“Debemos apoiar desde as institucións a nosa cultura propia, neste caso a produción de cine en galego”, aseverou Maite Ferreiro, que aproveitou para engadir que “as experiencias que temos dinnos que temos contadoras e contadores de historias moi boas, que fan obras fermosas e interesantes, que redundan na defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura, que é o faro que nunca debemos perder de vista”.

Durante a 44 edición da Semana do Cine de Lugo proxectaranse un total de 117 filmes, que estarán divididos en 10 ciclos. Destes, 95 películas serán gratuítas.

María Casares abre o cartaz

Un retrato de María Casares, representada nunha obra de Siro López Lorenzo, protagoniza o cartaz da 44 edición da Semana do Cine. Para alén diso, a pegada desta edición ficará para a posteridade, xa que a organización do evento porá unha placa no Parque da Milagrosa da cidade luguesa á propia actriz María Casares, que se completará cunha exposición homenaxe na Biblioteca da Deputación.

Tamén haberá unha homenaxe á reputada directora de cinema Margarita Ledo coa colocación dunha placa na súa honra no Paseo de Cine de Frigsa. Ademais proxectarase o seu último filme, Nación, o día 19 de setembro.

A 44 Semana de Cine de Lugo tamén homenaxeará Darío Xohán Cabana coa proxección do filme A mariñeira, obra para a que o escritor natural de Cospeito fixera o guión.

Pola súa parte, proxectarase o filme, el bosque del lobo, rodado na cidade de Lugo do director Jose Luis López Vázquez. Entre moitas outras obras cinematográficas que se proxectarán en Lugo desde o 19 de setembro están Un bocado exquisito que se encadra no ciclo E para comer, Lugo.

Comentarios