Día das Letras Galegas

17-M, azos renovados para o futuro da lingua galega

A plataforma Queremos Galego chama a festexar o Día das Letras na rúa. Após dous anos de pandemia, Compostela volverá acoller a manifestación nacional en defensa do idioma. Desde as 12 horas discorrerá entre a Alameda e a Praza da Quintana baixo o lema "En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua".
Manifestación con motivo do Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, na praza do Obradoiro de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación con motivo do Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 2021, na praza do Obradoiro de Compostela (Foto: Arxina).

Medio millar de colectivos sociais e culturais comprometidos coa lingua danse cita hoxe en Compostela con motivo da festividade do 17 de maio. A plataforma cidadá Queremos Galego chama a sociedade galega a se manifestar no Día das Letras Galegas para pór de manifesto que "a situación do galego non é irreversíbel". Hai alternativas, defende, e proba de que se pode mudar esa inercia negativa na que parece instalado o idioma é a "vontade colectiva".

Éxitos sociais

O voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, enumera os logros da mobilización social arredor da lingua no último ano. "Conseguiuse a aprobación da 'Iniciativa Xabarín', que non está completamente implantada por parte do Goberno galego e da CRTVG pero hai compromiso de facelo nos próximos meses, logrouse que unha compañía como Netflix comece a dobrar e a lexendar contidos en galego e emitiuse unha sentenza en relación aos dereitos lingüísticos, contra Facenda pero perfectamente aplicábel ao resto de Administracións Públicas,  para garantir a atención en galego a todas as persoas que así o teñan solicitado".

Os poderes públicos non están comprometidos como a sociedade na defensa e na recuperación da lingua

Isto demostra, di Maceira, que a sociedade galega está activa, defende a súa lingua e obtén resultados. "O problema que temos enriba é que con cada logro debemos permanecer vixiantes, para que as mudanzas que imos conseguindo sexan estábeis".

Neste sentido, un dos espazos de cambio máis cobizados é o do ensino. "A crianzas entran falando galego e saen monolingües en castelán", advirte o presidente da Mesa, quen aproveitará o 17 de maio para pórlle deberes ao novo Goberno da Xunta. "É hora de que actúe, en relación ao ensino, ao audiovisual e ao cumprimento da Administración co galego".

Prestixio e utilidade

Para a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística, (CTNL) o idioma chega a este 17 de maio nunha situación preocupante, "Mais non catastrófica", matiza a súa presidenta, Anxos Sobriño.

O decreto do plurilingüismo non é para promover a lingua galega no ensino. Iso é un problema, pero non é o único»

Sitúa o principal foco de atención na transmisión da lingua, que mingua as posibilidades de uso do galego por parte das crianzas. "Este proceso de perda é difícil de reverter, pero é posíbel", e para iso chama a mudar o rumbo en distintos ámbitos ao mesmo tempo.

"A responsabilidade non é exclusiva das escolas. Nin hai unha solución única". A familia, o lecer, os servizos públicos, o tecido socioeconómico... deben traballar por garantir a presenza e o prestixio da lingua para que sexa percibida como unha lingua útil, afirma Sobriño, mais agora mesmo "nin social nin politicamente se aprecia a defensa da lingua como unha prioridade".

Lusofonía e futuro

Desde a Associaçom Galega da Língua (AGAL), concordan no diagnóstico dunha situación difícil. "Creo que entre o movemento normalizador existe unha sensación de crise máis aguda do que se pensaba", afirma Eduardo Maragoto, en liña co que hai anos xa anticipou o reintegracionismo. "Entón fomos tachados de alarmistas, mais hoxe vese que aquelas análises até ficaban curtas. Os datos son esmagadores".

A lusofonía hai tempo que se tornou a única motivación da normalización lingüística capaz de unir toda a sociedade

Con todo, dubida Maragoto, "non sei se as persoas preocupadas polo futuro da lingua van extraer algunhas conclusións e van mudar de política lingüística e cultural". Para o presidente da AGAL séguese a ollar con moito receo a solución lusófona.

"A única forma de que toda a sociedade lle encontre interese á normalización lingüística é preservar a utilidade do galego como lingua de comunicación, útil en todos os ámbitos: no do lecer, no tecnolóxico, no profesional; unha porta que só abre a lusofonía".

O reintegracionismo, di Maragoto, "ten que estar no centro das estratexias normalizadoras, porque coa súa exclusión o único que sofre é o galego", sentencia.

Comentarios