A desgaleguización dentro e fóra das aulas

Reverter o efecto desgaleguizador dos centros educativos sobre o alumnado implica, segundo as persoas expertas, unha acción de 360 graos que vai desde reclamar o galego como lingua vehicular nas aulas, á concienciación do profesorado, ou á promoción do galego nas actividades lúdicas e  extraescolares.
Na ESO só 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a 77% de castelanfalantes (Foto: Sergey Novikov)
photo_camera Na ESO só 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a 77% de castelanfalantes (Foto: Sergey Novikov)

Após o contundente diagnóstico publicado pola Real Academia Galega (RAG) que sitúa o medio escolar como "hostil" para o galego, Nós Diario conversa con expertos para botar luz e atopar as ferramentas que melloren a situación da lingua na mocidade

Os datos falan por si sós no Mapa sociolingüístico escolar de Ames (o traballo da RAG realizado en colaboración co Concello): a perda de 10% de galegofalantes iniciais prodúcese xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esa porcentaxe "vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras extremadamente preocupantes". Na ESO só 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a 77% de castelanfalantes.

Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsábel da investigación, sinala a este xornal que os factores que interveñen nesta situación van alén do sistema educativo. Considera que de impartírense máis aulas en galego e de cumprirse a Carta europea de linguas rexionais e minorizadas -que obriga todas as autoridades do Estado a ter unha liña de ensino en galego desde o comezo até a universidade- o efecto desgaleguizador da escola "seguramente non existiría". 

Mais alén deste aspecto, subliña  a importancia de atender a "lingua de pares", a lingua en que se relacionan as e os alumnos entre si. E aquí é onde entra a concepción do centro educativo "como núcleo dun sistema moito máis complexo". Nel non só se dan clases, tamén xantan, hai actividades culturais e deportivas en que interveñen axentes externos ao centro como poden ser os Concellos. Tendo isto en conta, Monteagudo sinala que agora están a traballar nun estudo de observación directa nas aulas para coñecer "que se pode facer" fóra das clases . Buscan así liñas de actuación para que nas actividades complementarias, como campamentos, o galego "teña unha presenza que se lle está a negar."

Alén das aulas

No papel dos axentes externos ao centro de ensino e que interveñen na desgaleguización repara Escarlata Pampín, concelleira en Ames de Normalización Lingüística, área que colaborou na realización do informe. "O Concello non ten marxe de acción nas aulas pero si en actividades complementarias como servizos de comedores, escolas deportivas ou actividades lúdicas e culturais que son contextos onde as nenas e nenos socializan", explica a Nós Diario.

"Cos datos do estudo asumimos que algo non se está facendo ben", recoñece, sinalando que neses espazos o Concello debe garantir que as nenas e nenos teñan toda a oferta en galego. "Temos que facer maior seguimento, revisar os pregos de licitación e contratos para que as actividades que desenvolven empresas e persoas baixo o nome do Concello sexan en galego".  

"Erradicación" do galego

A escritora e profesora María Pilar García Negro indica a Nós Diario dúas nocións chaves a respecto do idioma no conxunto de toda a arquitectura escolar, incluída a universidade: "erradicación e estrañamento". Erradicación do galego para a poboación infantil que leva a lingua galega xa de por si reducida, e "estrañamento para a maioría da poboación infantil que chega á escola e en lugar de poder reintegrarse paulatinamente na lingua do seu país o que se fai é aumentar a impresión de estranxeirización". 

Repara tamén no ámbito universitario, onde se forma o futuro profesorado. Nel a presenza do galego como lingua vehicular é "moi escasa". A iso xúntase a  "pasivización" do profesorado a respecto de anos atrás: "Se a resposta do profesorado é o conformismo a respecto de ordes da Xunta redutoras do galego, o que está servido é un resultado fatal". 

Ante isto ve fundamental activar "unha política oficial antitética da que se está practicando" e a concienciación e actividade no sentido pro galego do profesorado. 

"Todo isto é coincidente", engade, "con ausencias clamorosas do galego na vida pública, nos medios de comunicación, na oferta audiovisual, na xustiza...".

Comentarios