Vivir en galego para botar para arriba a lingua

Case medio millar de mozos e mozas estudantes da ESO e Bacharelato de Culleredo asinaron un primeiro contrato de tres días co galego, un compromiso inicial para moitas adolescentes castelanfalantes que busca unha relación máis estreita e estábel coa lingua.
María Pose, Laura López e Iria Cruz, do Club de Lingua do IES Rego de Trabe de Culleredo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Pose, Laura López e Iria Cruz, do Club de Lingua do IES Rego de Trabe de Culleredo. (Foto: Nós Diario).

Perto de 400 mozos e mozas de entre 12 e 18 anos da área metropolitana da Coruña asumiron durante tres días o compromiso de tentar vivir en galego dentro e fóra do instituto. Son adolescentes, maioritariamente castelanfalantes entre o seu grupo de iguais, estudantes de ESO e Bacharelato en dous centros de ensino secundario de Culleredo, o IES Eduardo Blanco Amor e o IES Rego de Trabe, onde Nel Vidal é profesor de Lingua e Literatura galega.

A proposta partiu de alumnas e alumnos de ambos os dous centros. A idea non é nova mais decidiron lanzala por primeira vez na súa contorna. Déronlle nome e comezaron a compartir unha serie de reclamos que axiña conseguiron o seu obxectivo: o compromiso voluntario do resto do alumnado para intentar falar en galego en todos os ámbitos.

 #Desafío72h logrou en pouco tempo o compromiso duns 200 estudantes de cada instituto. A gran maioría escolleu a opción máis ambiciosa: tratar de vivir en galego tres días consecutivos non só no instituto, tamén na casa, cos amigos, nas redes sociais, no tempo de lecer e de relación co resto da veciñanza.

A resposta foi moi positiva, resume Nel Vidal, quen máis aló do cumprimento de cadaquén, destaca o propósito da iniciativa, "que é facerlle ver aos rapaces e rapazas que poden usar máis o galego, tamén fóra do ámbito académico". 

O desafío converteuse nun xogo que logrou sacar a lingua das aulas de galego e convertela no que é: un idioma que serve para comunicarse no día a día.

Espazos de comodidade 

Serviu tamén para pór a proba as competencias do alumnado nunha contorna na que a lingua de uso habitual entre a rapazada é o castelán, a que se sente máis cómoda.

Así, durante tres días, de terza a quinta feira, o desafío para quen asinou un contrato de compromiso coa lingua estivo en atopar espazos confortábeis para o uso galego.

María Pose, Laura López e Iria Cruz, estudantes de 1º de Bacharelato no IES Rego de Trabe, foron das primeiras en asumir o reto após participar tamén no seu lanzamento. "Eu emprego o galego só ás veces con meus pais e sempre cos meus avós, pero no instituto adoito falar cos amigos en castelán", afirma María. 

Tamén Iria e Laura recoñecen un uso limitado do galego, nas clases de lingua e literatura ou cos avós. Mais nestes tres días de contrato co idioma, Laura López sorprendeuse a si mesma tras levar o desafío á casa e estender o seu compromiso ao resto da familia, que asumiu o galego como lingua común de comunicación. "Estámolo facendo todos e falando con miña nai decateime: ademais de defenderme bastante ben, o galego é unha lingua tan válida como calquera outra".

Contrato indefinido

O máis difícil para estas tres mozas e o resto de participantes foi resistir a tentación de cambiar ao castelán naqueles contextos onde esa é a lingua predominante: os corredores do instituto, os espazos de ocio. María Pose afanouse por introducir e manter o galego nos adestramentos de baloncesto ou nas compras máis básicas, como a do pan. "A xente reacciona e estráñase de que empregues esta lingua nun contexto complemente normal".

Mais falar galego non ten que supor un esforzo nin ten que suscitar preguntas ou sorpresa, conclúe Iria Cruz, quen despois de tres días reafirma a súa disposición a ampliar o seu contrato co galego no instituto, na súa comunidade e nas redes sociais, onde xa viñan compartindo vídeos e stories nesta lingua.

Comentarios