Washington e Beijing dan os primeiros pasos para arrefriar a tensión mutua

Esta terza feira comeza o cumio de líderes do G20 en Balí, Indonesia. A reunión internacional chega tras a conversa entre Xi e Biden, que impulsan o comezo dunha desescalada nas relacións bilaterais aínda insuficiente para adoptar unha resolución común na cimeira.
O presidente chinés, Xi Jinping, xunta o seu homólogo estadounidense, Joe Biden, antes de reunirse a segunda feira en Indonesia. (Foto: Casa Branca)
photo_camera O presidente chinés, Xi Jinping, xunta o seu homólogo estadounidense, Joe Biden, antes de reunirse a segunda feira en Indonesia. (Foto: Casa Branca)

Os presidentes da República Popular da China, Xi Jinping, e dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, mantiveron esta segunda feira o seu primeiro encontro en persoa desde que o estadounidense asumiu o cargo en xaneiro de 2021, un día antes do comezo da cimeira de líderes do G20, que decorrerá a terza e cuarta feira en Balí, Indonesia.

A xuntanza brindou un acordo simbólico para distender as relacións bilaterais, a reactivación das conversas sobre cambio climático, un dos ámbitos de cooperación suspendidos en agosto polas autoridades chinesas tras a visita da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, a Taiwán, que iniciou unha escalada diplomática que elevou a militarización do estreito.

Tras a reunión, o Ministerio de Asuntos Exteriores chinés fixo público un comunicado no que cualifica de “sincero e profundo” o intercambio de máis de tres horas entre os mandatarios, centrado sobre todo arredor da situación actual das relacións, que “nin se axusta aos intereses fundamentais dos dous países e dos dous pobos, nin responde ás expectativas da comunidade internacional”.

Asemade, reiterou que a China “non interfire nos asuntos internos dos Estados Unidos e non ten intención de desafiar ou substituír os Estados Unidos”, poñendo o foco en que as relacións “non deberían ser un xogo de suma cero”, e instando a que o respecto, a coexistencia pacífica e a cooperación movan os contactos entre as partes.

Ao tempo, Xi afirmou que isto é posíbel malia que “os EUA persigan o capitalismo e a China o socialismo”, unha diferenza que “seguirá existindo no futuro”.

O status de Taiwán

Con respecto ao principal punto de fricción entre a China e os EUA, o status de Taiwán, considerado unha autonomía por Beijing e con Washington entrevendo que daría apoio militar á illa no caso dun ataque chinés, Xi definiuna como “a primeira liña vermella” das relacións bilaterais, ao tratarse dun asunto interno, e exixiu  aos EUA que cumpra coa política “dunha soa China”, coa que, en teoría, está aliñado.

Arredor desta cuestión, Biden incidiu en que “deixei claro que quero ver como se resolven as cousas no estreito de Taiwán de forma pacífica”, aclarando que non cree que “haxa ningún intento inminente por parte da China de invadir Taiwán".

Ademais, salientou que “imos competir vigorosamente, mais non buscar conflitos”, apuntando que considera que "non ten que haber outra Guerra Fría”.

Corea do Norte

Outro dos temas que se abordaron é o choque entre os EUA e Corea do Norte, que multiplicou os exercicios de lanzamento de mísiles perante as manobras militares conxuntas entre as Forzas Armadas do país americano e as de Corea do Sur. Biden pediu á China implicarse para evitar unha proba nuclear de Pyongyang, advertindo de “medidas no plano defensivo que non irian contra a China”.

Nesta cuestión, Beijing reiterou que son imprescindíbeis negociacións para avanzar nunha resolución do conflito na península de Corea, aseverando que “non hai solucións sinxelas a problemas complexos”.

Ucraína dificulta unha resolución común no G20

A cimeira de líderes do G20 -entidade que agrupa 19 Estados e maila Unión Europea, que suman 66% da poboación mundial- que decorrerá entre hoxe e mañá en Indonesia debaterá especialmente o tocante á situación financeira global por mor da división entre os membros sobre a guerra en Ucraína, que motivou a ausencia do presidente de Rusia, Vladimir Putin.

Mentres os Estados da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte defenden as sancións contra Moscova, o resto de países apostan pola negociación e néganse a aplicar sancións unilaterais.

Na previa do cumio, a reunión de socios externos coa Asociación de Nacións do Sueste Asiático da pasada fin de semana, foi imposíbel chegar a unha resolución de consenso polo veto ruso, que considerou “inaceptábel” a proposta dos EUA.

Comentarios