Xi Jinping logra un histórico terceiro mandato como secretario xeral do Partido Comunista de China

Xi Jinping eríxese en guía absoluto dos destinos do país durante, polo menos, os próximos cinco anos. 
Xi Jinping durante o XX congreso do Partido Comunista de China en Beijing. (Foto: Europa Press / Contacto / Ju Peng).
photo_camera Xi Jinping durante o XX congreso do Partido Comunista de China en Beijing. (Foto: Europa Press / Contacto / Ju Peng).

O presidente de China, Xi Jinping, foi ratificado este domingo como secretario xeral do XX Comité Central do Partido Comunista de China para un terceiro mandato consecutivo, sen precedentes, que o consolida como líder indiscutíbel do país ao remate dun congreso no que o mandatario presentou en sociedade o seu novo núcleo duro de goberno.

O Comité Permanente do Partido comprenderá nomes como Wang Huning, considerado un dos máximos expoñentes da ideoloxía do presidente chinés, ou Zhao Leji, xefe da Comisión Central de Inspección Disciplinaria, o principal organismo de control anticorrupción do partido.

Cúpula de poder

Xunto a eles estarán os xefes do partido en Cantón, Li Xi; en Shanghái, Li Qiang; e Pequín, Cai Qi, xunto ao que até hoxe era o director da Oficina Xeral do Partido (máximo órgano de información interna), Ding Xuexiang.

A axencia oficial de noticias Xinhua sitúa ademais a Li Qiang como segundo na xerarquía do partido, o que o converte no primeiro ministro designado do país unha vez o seu predecesor, Li Keqiang, abandone o seu cargo o ano que vén. 

Xunto ao primeiro ministro deixarán a política nomes destacados como os responsábeis do Congreso, Li Zhanshu, ou da Conferencia Consultiva, Wang Yang, no que se trata para todos os efectos dunha substitución total da cúpula de poder que practicamente elimina calquera voz disidente.

Todos estes novos nomeamentos acompañarán o presidente chinés no que o mandatario describiu  como "unha revolución interna na expedición cara ao futuro" do país chinés co propósito de "manterse firme no afondamento" do plan de reforma iniciado por Xi desde a súa chegada ao poder.

Os delegados apoiaron a inclusión de varios conceptos teóricos na constitución: entre eles están os "Dous Estabelecementos" que marcan a posición de poder de Xi Jinping como núcleo do Partido e as "ideas de Xi Jinping para o socialismo ao estilo chinés nunha nova era" como principios fundamentais.

Unha mudanza nos estatutos que obriga os membros do partido a defender a liña política e as actuación de Xi Jinping, que se fai co control absoluto.

Socialismo con peculiaridades chinesas

No seu discurso final do sábado, Xi fixo un chamamento ao novo Comité Central a seguir "inquebrantabelmente" o camiño do desenvolvemento político do socialismo con peculiaridades chinesas e a adherirse "á unidade orgánica do liderado do partido".

Ademais, mostrou a súa disposición para "fortalecer a garantía do dominio popular do país" desenvolvendo "integralmente" a democracia consultiva, promovendo "a democracia popular" e consolidando unha "fronte única patriótica", segundo detallou Xinhua.

A marcha de Hu Jintao

A clausura do XX Congreso do partido este sábado estivo marcada por un insólito incidente: a saída baixo escolta e a mirada atenta de Xi Jinping do ex secretario xeral do Partido Comunista e ex presidente do país, Hu Jintao (2003-2013) en plena sesión, 

As imaxes mostran como un bedel tenta levantar a Hu do seu asento mentres o ex presidente parece resistirse. Finalmente, o veterano político de 79 anos ponse en pé e dedica unhas breves palabras ás costas de Xi, quen se limita a asentir, antes de encamiñarse cara á saída.

Hu entregou o cargo de secretario xeral a Xi en 2013 despois de dous mandatos. Representa o antigo modelo de liderado "colectivo", conformado por representantes de diferentes faccións e marcados polos límites de idade e mandato, que o actual presidente quere terminar de eliminar nos próximos cinco anos.

As interpretacións dos expertos abarcan desde un acto público de purga até unha saída forzada por problemas de saúde. Mais en ambos casos, coinciden, o único punto en común é a humillación que representa para Hu o feito de marchar, obrigado, dun lugar que se resistiu a abandonar desde a súa chegada ao poder: a principal bancada do hemiciclo.

Comentarios