Biden confirma que o Exército dos EUA entraría en Taiwán "se houber un ataque sen precedentes"

A tensión entre Taipei e Beijing, cos últimos movementos de Washington de fondo, segue en aumento.
O presidente dos EUA, Joe Biden, o domingo na Casa Branca. (Foto: Ken Cedeno-Pool via CNP / Zuma Press)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, na Casa Branca. (Foto: Ken Cedeno-Pool via CNP / Zuma Press)

O Exército dos EUA entraría en Taiwán para "defender a illa" se a Casa Branca o considerase preciso. Así o vén de confirmar, nunha entrevista concedida á canle CBS, o presidente estadounidense, Joe Biden.

Preguntado sobre o que "debería saber" o seu homólogo chinés, Xi Jinping, en relación á posición de Washington diante das crecentes tensións entre Taipei e Beijing, Biden ratificou o seu compromiso "co asinado hai moito tempo".

"Hai unha política da China, e Taiwán fai os seus propios xuízos sobre a súa independencia. Non nos estamos a mover, non estamos a alentar a súa independencia porque é a súa decisión", apuntou.

Porén, matizou que, no caso de producirse un "ataque sen precedentes", as forzas armadas estadounidenses "defenderían a illa". Os EUA apoian a política de 'unha soa China' que defende Beijing, mais mantén relacións comerciais e militares con Taiwán, territorio ao que, en virtude dos pactos en vigor, debería "equipar militarmente" para defenderse no caso dunha hipotética "invasión chinesa".

Nas últimas datas multiplicáronse as incursións aéreas do Exército da China sobre Taiwán, en resposta ás numerosas visitas de persoal diplomático estadounidense á illa desde agosto, comezando pola presidenta da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi.

A comezos deste mes Washington anunciou a venda de equipamento militar por valor de 1.100 millóns de dólares a Taiwán, un movemento que o portavoz da Embaixada da China nos EUA, Liu Pengyu, considerou que pode enviar "sinais equivocados ás forzas separatistas" e que "pon en grave perigo as relacións entre China e os EUA e a paz e estabilidade no Estreito de Taiwán".

"Fomos e seguiremos a ser responsábeis, estábeis e decididos, e manteremos as nosas liñas de comunicación abertas con Beijing, mais tamén continuaremos apoiando Taiwán de maneira consistente", afirmou, pola contra, Joe Biden.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios